A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

OS OFICIOS TRADICIONAIS

Nesta sección atendemos en diferentes vitrinas os diversos oficios que hoxe en día están en fase de desaparición. Deste xeito, tratamos de recompilar diversas ferramentas e fotografías para ver como se trataban os diferentes materiais. Os oficios da madeira están representados por pezas que usaban os carpinteiros, os torneiros, os cesteiros, os fuseiros, os serranchíns, os zoqueiros; nos oficios do ferro aparecen as pezas dos ferradores, ferralleiros, ferreiros coa forxa e o barquín; os oficios ambulantes están representados polos afiadores coas rodas de afiar, unha industria básica e fundamental na Galicia interior (cómpre dicir que foron moitos afiadores os que percorreron coas súas rodas as diferentes terras da península Ibérica afiando diferentes utensilios: coitelos, navallas, etc.); os canteiros, os capadores; os traballos do tecido foron fundamentais para preparar todo o necesario no enxoval dunha casa, deste xeito podemos ver diferentes aparellos cos que se preparaba o liño, o fiado, o tecido, a costura. Na apartado outros oficios, presentamos unha barbería con tódolos aparellos que precisaba o barbeiro, o curtidor, o muiñeiro, o zapateiro.

 

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS

 

I. Oficios de madeira

Aixó
Ferramenta cortante con mango de madeira curto e encurvado con gornición de protección para a man durante o labrado feita de forma anatómica e ergonómica. Consta dunha ancha folla (10 cm) de ferro aceirado, cortante, para desbastar superficies amplas de madeira, suxeita á base do mango cunha cuña ou tilla de madeira e unha mordaza de ferro.
Utilización: Ferramenta que se emprega fundamentalmente para desbastar a madeira.

Aixola
Instrumento de ferro cun mango curto de madeira encaixado nun burato circular na base de ferro. Consta dunha folla curva de ferro, cortante polo extremo máis ancho (12 cm) para desbastar superficies amplas de madeira.
Utilización: Instrumento que serve para labrar a madeira despois de serrada e desbastada coa machada e o aixó.

Berbequí
Instrumento para facer buratos que consiste nunha manivela xiratoria arredor dun puño de madeira axustado nun extremo e outro fixo no extremo oposto para suxeitalo mentres se acciona, para o que tamén dispón na parte superior dunha «muleta» para apoiar e facer forza. No extremo inferior leva unha boca móbil e axustable para introducir trades ou pugas helicoidais de diversos diámetros.
Utilización: Emprégase para facer furas en diversos materiais, xeralmente madeira, de diversos diámetros e dimensións segundo a puga que se utilice.

Bedano
Ferramenta de carpinteiro feita de ferro aceirado con mango máis ou menos cilíndrico duns corenta centímetros de longo e sección de 1,5 cm en cadro con boca formada por un bisel curvo e afiado.
Utilización: Emprégaa o carpinteiro para labrar e facer furas na madeira a golpe de mazo ou macico.

Cepillo
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por unha coitela de aceiro biselada no extremo inferior, que sobresae un pouco por unha regaña practicada transversalmente na base do instrumento e suxeitada e regulada en profundidade cunha cuña de madeira na entrada superior.
Utilización: Emprégase para alisar a madeira pasándoo repetidamente por arriba dela despois de serrala.

Cepillo acanalador
Ferramenta de carpintería consistente nun prisma cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por unha estreita coitela de ferro aceirado, biselada no extremo inferior e saínte un pouco por unha regaña practicada transversalmente na base do instrumento, suxeitada e regulada na profundidade do corte cunha fina cuña e longa de madeira na parte superior.
Utilización: Emprégase para alisar a madeira ao tempo de facer estrías e canais nela con diversos fins e usos.

Cepillo acanalador
Ferramenta de carpinteiro que consiste nun prisma cuadrangular de madeira coa base do corte formada por dúas pezas de madeira, unha en cada lado do instrumento que o percorren lonxitudinalmente. Está atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por dúas estreitas coitelas de aceiro, unha composta por dúas puntas biseladas con entrante en forma de «U» que se axusta á forma da madeira na que se encaixa e outra cunha soa punta tamén biselada e axustada no lado oposto nun carril de ferro. Ámbalas dúas coitelas suxéitanse e regúlanse por dúas grandes cuñas de madeira na parte superior.
Utilización: Emprégase para facer canais na madeira, por un lado machos (saíntes) e polo outro femias (entrantes), para facer pezas que se encaixan e ensamblan unhas nas outras.

Cepillo de media cana
Ferramenta de carpinteiro que consiste nun prisma cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por unha coitela de ferro aceirado que sobresae por unha regaña transversal na base do instrumento e suxeitada e regulada na profundidade de corte cunha cuña de madeira. Ten un deseño especial na base, en figura de bocel, que se traduce no labrado en forma de media cana.
Utilización: Emprégase para facer molduras decorativas cóncavas na madeira en forma de media cana.

Cepillo de moldura
Ferramenta de carpintería que consiste nun prisma cuadrangular de madeira con puño na parte superior traseira, coa base do corte curvada e atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por unha coitela de aceiro coa punta da mesma sección curvada cá base da que sobresae por entre unha regaña transversal practicada nela.
Utilización: Emprégase para facer molduras lisas de forma cilíndrica na madeira para traballos especiais de decoración e adobío de madeira. Uso específico en ebanistería.

Cepillo de volta
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma cuadrangular de madeira curvado e volteado pola base e atravesado de xeito diagonal por unha coitela de aceiro biselada no extremo inferior que sobresae un pouco por unha regaña practicada transversalmente na base do instrumento e suxeitada cunha cuña de madeira na entrada superior.
Utilización: Emprégana tanto o carpinteiro coma o cubeiro para alisar a superficie da madeira e facer traballos especiais pasándoa repetidamente por riba dela.

Compás
Instrumento formado por dous brazos afusados, unidos por arriba cun eixe ou caravilla e culminados nos extremos en senllos cravos de ferro.
Utilización: Empregábao o carpinteiro para compasar (tomar medicións co compás) e trazar, riscando, círculos de diversos diámetros.

Compás de vara
Instrumento de carpintería feito de madeira. Componse dunha regra que leva ensamblado nun dos extremos unha peza de madeira fixa configurando unha figura de «L» cun cravo no extremo que actúa de pivote e outra peza móbil ao longo da regra cunha fina punta que serve para tomar medidas e tamén para trazar arcos e circunferencias de gran diámetro.
Utilización: Emprégase para trazar curvas regulares de gran diámetro, arcos e circunferencias e para tomar distancias en traballos de carpintería.

Escuadra
Instrumento de carpintería feito de madeira, composto por dúas regras, unha de maior ancho na que se ensambla a outra formando un ángulo de 90º.
Utilización: Emprégao o carpinteiro para trazar ángulos rectos.

Garlopín
Ferramenta de carpintería que consiste nun prisma cuadrangular de madeira con puño do mesmo material na parte traseira superior atravesado, de arriba a abaixo e de xeito diagonal, por unha coitela de aceiro que sobresae por unha regaña transversal na base do instrumento suxeitada cunha cuña de madeira que ademais serve como reguladora da profundidade de corte da coitela.
Utilización: Emprégase para alisar a madeira pasándoa repetidamente por arriba dela despois de cepillada, especialmente nas xunturas das táboas.

Gramil
Peza de madeira formada por dous listóns de madeira de sección cadrada que atravesan transversalmente unha táboa rectangular por senllos furados da mesma sección estando axustados por unha cuña que atravesa esta táboa polo medio do canto en sentido perpendicular en medio dos listóns. Estes pódense mover e axustar en función da lonxitude ou ancho da recta paralela que se pretenda trazar, para o cal levan no extremo senllas puntas afiadas para riscar a superficie a marcar.
Utilización: Instrumento do carpinteiro que serve para trazar liñas paralelas a unha superficie dada riscando sobre a madeira cunha punta que dispón cada un dos listóns que atravesan a superficie da táboa que se toma como guía para facer as escuadras e tomar as medidas.

Rebate (Rebaixador)
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma cuadrangular atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por dúas coitelas de aceiro: unha biselada no extremo inferior e inclinada a uns corenta e cinco graos, saíndo un pouco a rentes da superficie inferior por unha regaña practicada transversalmente na base do instrumento e suxeitada cunha cuña de madeira na entrada superior. A outra, moito máis estreita, suxéitase tamén cunha cuña e unha prancha de madeira que percorre o instrumento lonxitudinalmente suxeitada a el con dúas roscas de ás.
Utilización: Emprégase para rebaixar os ángulos dunha peza de madeira ao tempo de alisar a superficie pola que pasa.

Serra
Instrumento cortante formado por unha peza de ferro plana e en figura de «U» ancheada pola base e unha longa cinta de aceiro, dentada pola cara exterior, axustada nos extremos libres nos que vai montada e tensada por unha rosca de ás. Os lados menores van gornecidos con cachas de madeira que actúan como mangos para que os accionen dúas persoas.
Utilización: Emprégase xeralmente para cortar táboas ou troncos de madeira, aínda que tamén serve para outros materiais.

Trade
Instrumento xiratorio de carpinteiro, de ferro, cilíndrico, co terzo inferior en forma helicoidal de punta aguda e aparafusada, axeitado para abrir buracos na madeira. A cabeza fórmaa un aro ou forte anel por onde se introduce un torno cilíndrico de madeira ou ferro para imprimirlle o movemento xiratorio á ferramenta.
Utilización: Emprégao o carpinteiro para abrir buracos circulares, xeralmente na madeira, aínda que serve para outro tipo de materiais ou superficies duras.

Bedano
Ferramenta especial de torneiro de aceiro con dous fíos, un estreito e curvado por un extremo e polo outro máis ancho e biselado, feita toda nunha soa peza.
Utilización: Instrumento empregado para labrar a madeira por fricción e rozamento ao aplicarlle a punta afiada a un anaco de madeira que xira nun eixe do torno.

Pedra de afiar
Utensilio para axustar no torno composto dunha pedra circular áspera, dura e abrasiva en torno a un eixe de ferro de sección cuadrangular empregada para afiar as ferramentas e desgastar os metais.
Utilización: Instrumento complementario do torno de carpinteiro empregado para afiar as diferentes ferramentas e apuntar outros obxectos de metal.

Roda de pulir
Ferramenta especial de torneiro composta por unha roda de madeira disposta en torno a un eixe de ferro de sección cuadrangular, empregada para pulir madeira e perfeccionar a labra das trenchas e bedanos por fricción co material.
Utilización:
Instrumento empregado para pulir a labra da madeira por fricción e rozamento ao aplicarlle a roda un movemento xiratorio friccionando contra a madeira labrada.

Trencha
Ferramenta especial de torneiro de aceiro; consta dun mango cilíndrico do mesmo material e unha lámina máis ancha e longa cunha boca formada por un bisel, feita toda nunha soa peza.
Utilización: Instrumento empregado para labrar a madeira por fricción e rozamento ao aplicarlle a punta afiada a un anaco de madeira que xira nun eixe do torno.

Torno
Aparello que consiste nun banco, mesa de madeira grande, coa parte superior fendida lonxitudinalmente. Nun lateral dispón dunha gran roda (97 cm diám.) disposta verticalmente, composta por unha armazón de madeira con seis radios, que se pon en movemento por medio dun gran pedal articulado, axeitado para accionarse por unha ou varias persoas. O movemento desta roda transmítese por unha correa de coiro sen fin a outra roda máis pequena (22 cm diám.) que vai na parte alta do aparello e que fai xirar, con rotación continua, un eixe de ferro. Neste mesmo plano, na fendedura mencionada, dispóñense dous tarugos de madeira, axustables ás dimensións das pezas a tornear, suxeitos ao banco por baixo das táboas con tillas de madeira que sosteñen uns pasadores de ferro suxeitados a eles con senllos parafusos con rosca de ás. Nesta mesma fenda acóplase un soporte móbil de ferro para termar e apoiar as ferramentas (trenchas, bedanos e gubias) para traballar no torno. Pola parte traseira leva arrimado un listón que deixa un oco ao longo da súa lonxitude onde se introducen as ferramentas axeitadas para o traballo da madeira no torno.
Utilización: Aparello empregado para facer xirar unha peza de madeira mentres se vai labrando e arredondando con outros instrumentos (trenchas, bedanos…).

Coitelo
Instrumento para facer vergas que consiste nunha lámina de aceiro (2,5 cm de ancho), afiado por un dos lados maiores e con dous mangos de madeira domeados cara ao lado en que ten o corte.
Utilización: Emprégase para limpar a cortiza, fender a madeira e facer as vergas de madeira de castiñeiro.

Torno
Banco rectangular cos lados maiores rebaixados de xeito cóncavo para sentar a cachapernas. Enriba leva dous listóns ensamblados en forma de escuadra quedando un deles horizontal e paralelo á superficie do banco. Neste atópanse dúas pugas, unha delas móbil ao longo dunha fenda lonxitudinal, entre as que se axusta a peza que se quere tornear. Esta faise xirar por medio duns cordeis que prenden no propio fuso, presos nos extremos libres por un bastidor, táboa de madeira, con que se imprime manualmente á peza un movemento de ida e volta mentres se traballa con gubias e coitelas. Complemento do torno propiamente dito é unha coitela disposta transversal e diagonalmente á superficie do banco incrustada a certa altura nun lateral do listón vertical da escuadra e fixada nun segundo listón paralelo de menor altura, empregado para preparar as pezas de madeira para tornealas.
Utilización: Emprégase case exclusivamente para facer fusos e mangos de coitelos.

Serra de aire
Instrumento cortante formado por unha lámina de aceiro, longa (2,10 cm) de anchura decrecente cara ao extremo e dentada por un dos lados. Un extremo leva un mango transversal ao sentido do corte para coller coas dúas mans e o outro vai ceibe. Como instrumento complementario leva unha peza de ferro con mango de madeira, axustable nos dentes da serra segundo a lonxitude da peza a serrar.
Utilización: Emprégase para cortar troncos de árbores e facer pezas de madeira axeitadas para traballar o carpinteiro como pontóns, táboas, láminas…

Tronzador
Instrumento cortante formado por unha longa lámina de aceiro (1,50 m) curva e dentada polo corte, con dous mangos de madeira, un a cada lado, no mesmo plano que a lámina cortante.
Utilización: Emprégase polos serranchíns para serrar árbores e madeira grosa en xeral.

Bastreu (Bastrén)
Instrumento cortante que emprega o zoqueiro composto dunha armazón cuadrangular de madeira con dous mangos laterais e a parte central furada pola base, onde se encaixa unha coitela de aceiro moi afiada suxeitada con dous parafusos e dúas roscas de ás que permiten axustala aos diferentes tipos de superficies.
Utilización: Adóitase empregar tanto polo carpinteiro coma polo zoqueiro para «limpar» e repasar a madeira e facer pezas de forma curva como as das zocas e galochas.

Coitelo
Instrumento cortante para «limpar» madeira que consiste nunha lámina de aceiro curvada e estreita (0,5 cm ancho) afiada por un dos lados maiores e con dous mangos de madeira no mesmo sentido lonxitudinal cá lámina para accionar de fóra a dentro.
Utilización: Emprégase para limpar e repasar as asperezas das zocas despois de labralas coa aixola. Axúdase o zoqueiro para o seu uso co prato debido a que ten as dúas mans ocupadas co instrumento.

Galocha
Calzado de coiro co piso de madeira. Consta dunha sola de madeira, «pao», que leva enriba unha estrutura de coiro en forma de bota e sen calcañar, suxeitada coa vira cravada con puntas nunha regaña perimetral na que asenta a empeña do corte. A sola, «pao», está ferrada con cravos de ferro de cabeza redondeada. Para axustala ao pé leva uns cordóns (amallós) que pasan por uns ollais, feitos de finas tiras de coiro.
Utilización: Emprégase como calzado de traballo para o tempo chuvioso pola súa resistencia e illamento do chan proporcionado pola sola de madeira.

Gubia
Ferramenta de ferro aceirado de 30 cm de longo e sección de 2 cm en cadro, con boca formada por un corte oblicuo no bordo inferior a xeito de bisel.
Utilización: Emprégase xunto co macico para facer buracos na madeira, concretamente nas zocas labrando e baleirando o interior.

Llerga
Instrumento composto por unha peza de aceiro e un mango cilíndrico de madeira axustado nunha prolongación troncocónica e oca da peza de aceiro disposta para este fin. A parte esencial da ferramenta é unha folla de aceiro domeada dun xeito especial en forma de gancho coas beiras afiadas e cortantes.
Utilización: O uso xeral é para escavar madeira e concretamente emprégase para labrar interiormente a parte da zoca, zoco ou madreña que corresponde á punta do pé.

Prato
Disco alongado de madeira con tres rebaixes na superficie frontal: un central en forma de «U» para apoiar o tacón da zoca e dous nos lados para apoiar a punta delas. Leva dispostos nos laterais senllas correas de coiro, unha delas cunha fibela para suxeitar o prato no peito amarrado polas costas do zoqueiro.
Utilización: Emprégase para poñer no peito e suxeitar as zocas durante o procedemento de limpeza das arestas co «coitelo» e rebocador apoiando un extremo da zoca no peito e o outro nos xeonllos e coxas, quedando ceibes as dúas mans para accionar coa coitela.

Rebocador
Especie de coitelo con mango curto de madeira e folla de ferro aceirado moi afiado e de sección triangular.
Utilización: Emprégase polos zoqueiros para limar e quitarlle as arestas na base interna das zocas para que non manquen o pé.

Sola de galocha (Pao)
Sola de madeira, «pao», con forma cóncava, axeitada á forma e ponte do pé; leva tacón de madeira e unha regaña en todo o perímetro para asentar a empeña do corte de coiro suxeitándose con cravos nela.
Utilización: Emprégase como calzado de traballo durante o tempo chuvioso pola súa resistencia e illamento do chan proporcionado pola madeira.

Trade
Instrumento xiratorio composto por un fuste cilíndrico de ferro e un mango de madeira. Leva nunha extremidade do fuste un punzón en forma helicoidal de punta aguda; no extremo oposto dispón dun mango de madeira xeminado, en forma de ás despregadas, para coller coas dúas mans e imprimir un movemento de xiro.
Utilización: Emprégase para abrir furados na madeira e facer baleirado de bloques para facer zocas, madreñas, etc.

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS
 

II. Oficios do ferro e dos metais

Ferradura
Peza de ferro laminado en forma de semicírculo prolongado. A prancha (0,5 cm de espesor e 2 cm de ancho) leva catro buracos, de forma cadrada e biselados cara ao interior para introducir os cravos de suxeición.
Utilización: Emprégase como protección dos cascos das mulas e burros.

Puxavante
Instrumento cortante de ferro, en forma de paleta, composto por unha lámina ou prancha rectangular afiada na fronte e domeada lixeiramente cara a arriba polos laterais. Dispón dun mango de madeira para imprimir forza no corte.
Utilización: Serve para recortar as partes do casco dos cabalos ou pezuños das vacas e bois antes de poñer unhas novas ferraduras.

Alicates
Ferramenta de ferro en forma de tenaces con puntas chatas. Componse por dúas barras móbiles de ferro que se cruzan, unidas por un eixe abríndose en cruz. Remata nun extremo en figura de boca coas puntas chatas e dentadas pola cara interna para proporcionar maior suxeición.
Utilización: Ten diversos usos e aplicacións no oficio dos ferralleiros como torcer, cortar arames, folla de lata, etc.

Martelo
Instrumento de ferro con mango de madeira. A peza de ferro consta de dúas partes, unha de sección cuadrangular e a outra máis fina e estilizada, curvada e aplanada, con dúas puntas, dispositivo ideado para arrincar cravos, puntas, arames, etc.
Utilización: Destínase xeralmente para bater e cravar puntas.

Soldador (Estañador)
Instrumento para soldar formado por unha variña de ferro cunha empuñadura ou mango de madeira nun extremo que proporciona illamento térmico. No outro extremo, ten unha peza cuadrangular de cobre con dúas caras en ángulo bastante agudo, con forma de cuña, coa punta lisa.
Utilización: Emprégase, despois de quentado ao lume, para derreter estaño e aplicalo a puntos concretos para soldar pezas metálicas (lata, cinc…).

Tenaces
Instrumento de ferro composto por dous brazos móbiles suxeitos a un eixe fixo e rematados en figura de boca cos extremos biselados en forma de punta e afiados.
Utilización: Serve para asegurar obxectos e tronzar pequenos obxectos de diferentes materiais.

Tesoiras
Instrumento cortante formado por dúas láminas ou follas curtas (5,5 cm) de ferro, unha ancha (3 cm) co corte convexo e outra máis delgada co corte cóncavo, as dúas cun só gume pola parte interna unidas por un eixe suxeito cunha rosca, sobre o cal se moven abríndose en cruz, cos mangos longos en forma de media cana. Leva dous pivotes na base do eixe no que levaría (hoxe non o conserva) un resorte para facilitar a apertura e un tope cilíndrico de ferro soldado no interior dun dos mangos.
Utilización: Emprégase para cortar láminas de metal (folla de lata, folla de latón ou similares).

Barquín e forxa
Instrumento de ferreiro feito de dúas tapas de madeira de castiñeiro en forma lanceolada unidas cunha peza de coiro flexible, cravada nos cantos das tapas e reforzadas nas dobreces por finas tiras de coiro cravada nela. Na parte máis apuntada dispón dun cilindro de madeira ao que se lle encaixa un cano de ferro que bota o aire preciso para manter o lume vivo, aire que recolle cunha válvula circular, oculta, disposta na tapa inferior. Na parte interna traseira da tapa inferior dispón dun saínte cuadrangular de madeira do que se pendura unha pedra que fai de contrapeso ao tempo que se engancha cunha panca coa que se acciona desde a parte dianteira o aparello subíndoa e baixándoa. Todo el vai montado nunha armadura de ferro na que se axusta lateralmente o gran fol propiamente dito por medio de dous pivotes cilíndricos de ferro; a panca átase na trabe de ferro da armadura. Ao cano de ferro encáixaselle unha fornalleira ou forxa, peza circular de ferro con base de pedra, montada sobre tres pés, onde se acende o lume para quentar o ferro. Leva un buraco nun lateral polo que entra e axusta o bico do fol para botar o aire preciso para avivar as ascueiras e escouras do lume.
Utilización: Destínase a proporcionar aire para avivar o lume na forxa ou fornalleira de ferreiro para quentar e amolecer o ferro para o seu traballo (forxado, laminado, etc.).

Tenaces
Instrumento de ferreiro constituído por dous brazos de ferro, longos e de sección cilíndrica unidos e articulados por un eixe fixo atravesándose e abríndose en forma de aspa rematando en dúas pezas triangulares e grosas para prender e asegurar obxectos.
Utilización: Emprégaas o ferreiro para manipular as pezas de ferro candentes e para asegurar e prender obxectos mentres se traballan na forxa e zafra.

Tenaces do lume
Instrumento de ferreiro constituído por dous brazos ou follas de ferro móbiles, reviradas a 90º, unidas por un eixe fixo, que se cruzan e abren en forma de aspa. Remata nun extremo en dúas asas de figura semicircular e na boca en dúas pezas circulares feito todo nunha soa peza de ferro.
Utilización: Emprégaas o ferreiro para manipular as pezas de ferro candentes.

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS
 

III. Oficios ambulantes

Asubío (Chifre)
Instrumento semellante á frauta de Pan, feito de madeira de buxo e calibrado con diferentes profundidades para que dea determinadas notas ao soprar nel. Ten en xeral unha forma rectangular engadíndolle a cabeza dun cabalo, estilizada na talla.
Utilización: Emprégano os afiadores, do mesmo xeito cós capadores, para facer notar a súa presenza nun lugar polo que pasan facendo o seu oficio.

Roda de afiar
Artefacto composto dunha armazón de madeira que leva unha roda de doce radios de 83,5 cm de diámetro e que se pon en movemento por medio dun pedal (tirapé) articulado ao eixe cunha vara e cegoñal. O movemento desta roda pasa por unha correa sen fin a outra roda pequena que vai na parte alta do aparello e que se fai xirar nun eixe no que van a pedra de afiar (esmeril) e unha roda de madeira que por medio doutra correa de coiro fai rolar outro eixe na parte dianteira que leva unha roda de asentar e pulir o fío das ferramentas despois de afialas, as dúas circulares. Cando a roda non traballa quítase a correa, cóllese polas patas traseiras e bótase cara a adiante, deitándose cara ao fronte, por onde asoma a roda que se pon sobre o chan e sobre a que roda toda a máquina converténdose así nun vehículo lixeiro e doado de levar. Como complemento da roda leva unha bigornia de aceiro para amañar os eixes das navallas, tesoiras…
Utilización: Emprégana os afiadores para aguzar os diversos tipos de ferramentas cortantes e facer traballos de reparacións das mesmas, paraugas, etc. (co que moitas veces coinciden os oficios de afiador e paraugueiro). .

Compás
Instrumento formado por dous brazos longos, de sección cuadrangular, unidos por riba cun eixe ou caravilla e rematados en punta afiada. Dispón dunha guía curva e fixa nun dos brazos que pasa por arriba do outro e serve para regular e axustar a lonxitude de arco ou medida a trazar cunha rosca de ás.
Utilización: Emprégaa o canteiro para compasar (tomar medidas co compás) e trazar arcos ou circunferencias regulares.

Martelo
Instrumento de ferro con mango de madeira. A peza metálica consta de dúas partes, unha de sección cuadrangular e curta (4 cm) e a outra moito máis longa en forma de pico curvo (9 cm lonx.).
Utilización: Emprégase para picar pedra e obxectos de dureza semellante.

Asubío (Chifre)
Instrumento semellante á frauta de Pan, feito de madeira de buxo e calibrado con diferentes profundidades para que dea diferentes notas ao soprar nel. Ten en xeral unha forma rectangular engadíndolle a forma da cabeza dun cabalo, estilizada na talla.
Utilización: Emprégano os capadores para facer notar a súa presenza nun determinado lugar polo que pasan facendo o seu oficio.

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS
 

IV. Traballos do tecido

Maza de liño
Rebolo cilíndrico de madeira duns corenta centímetros de longo cun mango da mesma madeira formando todo un só conxunto.
Utilización: Emprégase para mazar as plantas do liño co obxecto de quebrantar as partes leñosas e liberar as febras aproveitables para o posterior fiado.

Restrelo
Instrumento consistente nunha táboa rectangular que leva espetados no seu centro, formando grupo, uns dentes ou pugas de ferro longos e de punta moi fina, montados nun tarugo de madeira e protexidos dos golpes por unha caixa de madeira a modo de funda ou testo.
Utilización: Emprégase para tascar (afinar ou asedar) o liño pasando as estrigas del por medio dos dentes, separando deste xeito a estopa do liño.

Ripo
Instrumento formado por un tarugo de madeira de xeito máis ou menos cilíndrico e aplanado pola base. No centro do mesmo e en senso transversal e vertical colócase un peite de madeira con dentes longos (vinte e un en total) afiados e pretos co obxecto de que pasase a planta do liño o máis xusto posible.
Utilización: Emprégase para ripar (quitar a baga ou bagaña do liño) ao golpear e pasar a cabeza da planta axustada ás estreitezas das pugas do peite separando deste xeito a semente do mañuzo de liño.

Tascón (Trilla)
Instrumento conformado a modo de mesa que consiste en dous soportes laterais en figura de «U» invertida formando deste xeito catro pés. Pola parte superior ensámblanse en cada unha destas dúas pezas catro listóns perpendiculares ao chan, separados uns dos outros, apuntados e afiados pola parte superior. No mesmo senso lonxitudinal leva instalada unha panca de madeira articulada nun gonzo ou eixe de madeira no extremo máis elevado na que se unen tres listóns de semellantes características cós anteditos, afiados pola parte inferior. Estes ao baixar a panca introdúcense polos ocos dispostos entre os listóns fixos.
Utilización: Emprégase para espadelar e tascar as partes leñosas da planta do liño para que queden libres as febras aproveitables para o fiado, ao tempo de sacar as febras defectuosas despois do proceso de mazado.

Caneleiro
Instrumento das tecedeiras para facer canelas; componse dun eixe de ferro de forma cónica e apuntada (18 cm de lonxitude) axustado nunha pequena roda (7 cm de diámetro) que se fai xirar por medio dunha roda de gran diámetro (53 cm) con catro raios de madeira torneada con diversas molduras decorativas; leva unha manivela xiratoria de ferro en forma semicircular arredor dun puño de madeira, axustado no extremo, que imprime movemento ao instrumento cunha corda ou fío axustada nas canles das dúas rodas a maneira de polea. Todo o aparello vai montado en soportes que apoian nunha base de madeira rectangular (94 x 22 cm) cun oco tamén da mesma figura (70 x 7 cm) que permite o xiro da roda grande. A estrutura vai elevada do chan por catro patas.
Utilización: Emprégano as tecedeiras para facer as canelas de fío ao envolverse arredor dunha cana que se introduce no eixe de ferro do caneleiro.

Fuso
Instrumento para fiar que consiste nunha peza de madeira de forma cónica e moi apuntada (propio do fiado da la). Na parte inferior remata nunhas molduras, protuberantes da forma cilíndrica do fuste, para que non escorregue o fío consonte se vai envolvendo no fuso. Este leva un pequeno furadiño onde se prende o extremo do fío para comezar a facer a manela.
Utilización: Instrumento que se emprega para fiar (reducir a fío unha manela de liño ou la) xunto coa roca.

Maza de liño
Rebolo cilíndrico de madeira duns corenta centímetros de longo cun mango da mesma madeira formando todo un só conxunto.
Utilización: Emprégase para mazar as plantas do liño co obxecto de quebrantar as partes leñosas e liberar as febras aproveitables para o posterior fiado.

Parafuso
É un fuso máis pesado e de maiores dimensións có corrente. Consta dunha peza de madeira de forma cónica co vértice feito dun dedal de latón cunha pequena argola metálica (de ferro) por onde se introducen os dous fíos que se van retorcer. Na parte inferior remata nunha arandela de madeira de 7,5 cm de diámetro para que non escorregue ao se retorcer e enlear.
Utilización: Emprégase para xuntar dous fíos, torcelos e retorcelos enleándoos ao seu fuste para facer un novo fío máis groso, xeralmente para calcetar.

Roca
Instrumento para fiar composto dunha vara longa, delgada e de sección máis ou menos circular cunha disposición apropiada para suxeitar comodamente no sobaco cunha cabeza (recó) de madeira de buxo con diversas molduracións torneadas nun anaco de pau.
Utilización: Instrumento que se usa para fiar xuntamente co fuso; nela espétase a estriga de liño ou la de onde se van collendo as febras para reducir a fío co fuso.

Roda de fiar
Instrumento das tecedeiras composto nas súas partes fundamentais por un bastidor pequeno con dous paus circulares e curtos, cunhas presillas de ferro, montado todo nun eixe de madeira e unha rodela. Este mecanismo faise xirar por medio dunha roda de maior diámetro (34 cm) totalmente opaca e coa circunferencia redondeada ao torno. Leva unha regaña circular, de maior diámetro cá roda en que vai montada, onde se introduce o fío axustado nas dúas rodas a maneira de polea movida a pé por un pedal rectangular disposto na base do enxeño e conectado na roda grande por un listón vertical de ferro e un cegoñal coas súas respectivas engrenaxes. O conxunto do mecanismo do aparello vai montado nunha mesa sen pés, estando o seu taboleiro horizontal perforado en lonxitude por un oco rectangular redondeado nos extremos para permitir o movemento xiratorio da roda grande.
Utilización: Emprégase xunto coa roca, substituíndo o fuso, para facer o fío de la ou de liño.

Barcal
Caixón de madeira de forma rectangular dividido nunha ducia de gabetas cadradas máis pequenas (13,5 cm de lado) nas que se introducen e gardan os novelos de fío. A caixa vai sobreelevada do chan por catro pés artisticamente torneados, tamén de madeira.
Utilización: Emprégano as tecedeiras e teceláns para gardar os novelos de fío e preparalos para introducir na espalladoira e logo na urdideira.

Tear
Máquina para tecer composta por dúas ordes de pezas: sustentantes e sustentadas. As primeiras forman unha armadura con catro pés que sosteñen parte das pezas e, por arriba, pola prolongación dos pés outra serie de travesas terman do resto do mecanismo. As pezas sustentadas todas móbiles son as seguintes, a contar do sitio en que se pon a tecedeira: táboa posta de plano que serve como asento para a tecedeira ou tecelán; orgo do pano, eixe transversal cilíndrico no que ao tecer se vai envolvendo a tea, o lenzo amárrase no orgo colocado máis abaixo tensado por medio dunha roda dentada de madeira acercada lateralmente ao orgo e que se fixa cunha lingüeta tamén de madeira enganchada nos dentes da roda e se fai xirar cunhas chavellas dispostas perpendicularmente ao eixe. A seguir do orgo do pano atópase o peite ou pente, aloxado no canal de madeira e suspendido por dous brazos dunha travesa situada na parte superior. O peite fórmase por unha serie de láminas de cana verticalmente dispostas, suxeitas polos extremos a dúas varas transversais, trabado todo por bramantes. Despois atópanse os lizos, dous, formado cada un por unha trama de fíos que levan no medio un lazo. Os lizos van suspendidos dunhas cordas que pasan por dúas rodelas, roldanas de madeira, de forma tal que cando unha baixa outra sube, movemento que se lle dá por medio de dúas premedeiras, pedais de madeira, que colgan dos lizos. No outro extremo do tear vai o orgo do liño, tamén un eixe transversal cilíndrico, que leva unha entalla na que entra unha vara para amarralo ao liño.
Utilización: Máquina empregada para tecer os lenzos, panos e teas de diferentes tipos.

Máquina de coser de man
Trebello de xastres e costureiras que consta de dúas ordes de pezas. Unha base de madeira de forma rectangular que serve de soporte á máquina introducíndoa nun oco disposto para o caso. Segundo a máquina mesma que consta dunha plataforma de ferro, tamén rectangular, que se encaixa nun oco de menores dimensións previsto na base. Sobre este vai unha peza en forma de «L» que apoia na plataforma polo brazo máis curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo e ergueito da superficie. Neste articúlanse diferentes mecanismos que imprimen as agullas de coser un movemento ascendente-descendente e un movemento de vaivén en sentido horizontal, a unha lanzadeira oculta baixo a plataforma, para entrelazar o fío, proporcionados manualmente por medio dunha roda radiada paralela e vertical ao brazo curto cunha manivela xiratoria e encartable arredor dun puño de madeira axustado nun extremo dela.
Utilización: Emprégase para coser roupa e pezas pequenas de pano. Pola súa construción é móbil e transportable axustándose máis ao traballo máis nómade das costureiras fronte ao dos xastres.

Máquina de coser de pé
Consta de dúas ordes de pezas: sustentantes e sustentadas. As primeiras forman unha armadura de ferro de catro pés de 73 cm de altura que sostén unha plataforma rectangular de madeira (85 x 44 cm) que terma do mecanismo. Na base leva un pedal rectangular de ferro, perforado cunha trama de ferros entrelazados, que imprime movemento a unha roda de ferro disposta vertical e lonxitudinalmente ao longo da armazón metálica que engancha nun cordón de coiro co mecanismo principal da máquina. A peza sustentada, a máquina de coser propiamente dita, é un aparato que consta dunha plataforma rectangular (31 x 17 cm) encaixada na madeira sobre a que se dispón un brazo horizontal cos pivotes para os novelos, fixo nun extremo pola base e elevado pola outra, onde se poñen os diferentes tipos de agullas para coser; no extremo fixo leva unha roda radiada cunha regaña circular para conectar co movemento da roda grande inferior.
Utilización: Emprégase para coser panos de grandes dimensións. Pola súa estrutura e dimensións, e aínda que é transportable, ponse fixa para traballar nun local axeitándose mellor ao traballo do xastre, máis estable, có das costureiras.

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS
 

V. Outros oficios

Asentador
Instrumento de barbeiro composto por unha tira rectangular de groso coiro cosido polos extremos libres formando unha especie de argola prolongada, tensándoa con dúas barriñas cilíndricas de ferro e un parafuso longo do mesmo material ao que se lle encaixa un mango de madeira.
Utilización: Emprégase para suavizar o fío das navallas de afeitar pasándoo repetidamente por ambas caras.

Cadeira
Asento de madeira con respaldo e brazos, xiratorio e basculante sobre un soporte ou armazón de madeira en figura de pirámide truncada. Dispón dunha táboa posta de plano suxeitada con dous bastidores de ferro para apoiar os pés e unha peza alongada de coiro e madeira disposta no cume do respaldo, axustable en altura por medio dun trinquete para apoiar a cabeza. Toda a peza está pintada en cores branca e negra.
Utilización: Emprégase na barbería como asento dos clientes que van cortar o pelo ou afeitar.

Espello
Peza rectangular de cristal azougado polo envés e montado sobre unha prancha de madeira das mesmas dimensións, suxeitándose ambos elementos por unha cenefa de folla de lata. No dorso dispón dun arame retorcido e modelado como asa tanto para collelo e transportalo coma para pousalo ergueito e inclinado sobre unha superficie.
Utilización: O barbeiro emprégao para amosar o reflexo da imaxe do cliente e evidenciar o resultado do traballo realizado.

Maquinilla
Instrumento cortante formado por dous brazos, un fixo que terma dunha carcasa metálica cunha rosca circular e outro móbil que acciona lateralmente unha prancha pequena e acanalada con frontal dentado e miúdas pugas afiadas xogando sobre outra peza fixa de similares características. Ao cruzarse a peza móbil, accionada pola panca, sobre a fixa cortan e tronzan os pelos introducidos entre as pugas saíntes.
Utilización: Emprégaa o barbeiro para rapar o pelo así como facer outro tipo de traballos capilares que requiren un tipo de corte especial.

Navalla de afeitar
Especie de coitela de aceiro temperado e fío moi aguzado que se dobra pola unión da coitela co mango para gardarse nunha regaña disposta ao efecto entre as dúas cachas, de cor negra, feitas de pasta, que conforman o mango.
Utilización: Emprégaa o barbeiro para afeitar ou rasurar a barba.

Coitelo
Instrumento cortante que consiste nunha lámina de aceiro semicircular (32 cm de diámetro e 5 cm de ancho) afiado polo exterior e con dous mangos de madeira domeados cara ao lado oposto en que ten o corte, flanqueados por un protector de ferro para a man.
Utilización: Emprégase para limpar a superficie do coiro dos apéndices capilares e todo tipo de impurezas durante o proceso de curtido da pel.

Rodicio
Peza constitutiva do muíño de auga, de forma circular, que consiste nunha serie de vinte e catro pas cóncavas ou culleres de ferro (penas ou penlas) que saen radialmente dunha peza circular (54 cm diám.) suxeitadas cunha peza hexagonal da que saen seis raios que suxeitan o aro e as penlas con senllos parafusos. Para asegurar toda a peza leva un aro de ferro arredor de toda a estrutura.
Utilización: Serve para facer virar o eixe e mover a moa do muíño ao caer sobre el o chorro de auga.

Rodicio
Peza do antigo muíño de auga que consiste nunha serie de vinte e tres culleres de madeira (penas ou penlas) que saen radialmente dun anaco de madeira e que levan para as asegurar un aro de ferro arredor. Esta parte xoga facendo corpo cun eixe de madeira, de forma cilíndrica, dividido en dúas partes: unha inferior e maciza (vara) que atravesa o cabazo (parte central e máis ancha da roda do rodicio) fendida lonxitudinalmente e outra superior para dar cabida ao arbre, peza de madeira xunguida por medio de dúas argolas de ferro, na que se encaixa unha barra (beo), tamén de ferro, que sostén e fai xirar a moa ou moenga.
Utilización: Emprégase para facer xirar a moa ao caer o chorro de auga sobre as culleres co obxecto de moer os cereais para obter a fariña para o penso e facer o pan.

Bigornia
Peza de ferro semellante a unha ingre ou zafra de cravuñar formada por un ferro de sección cuadrangular afiado na punta e un tope, protuberancia do mesmo material, para axustar ou espetar nun madeiro ou cepo de madeira. Sobre esta vai disposta unha peza de ferro, algo curva, de forma semellante a unha sola dun zapato onde se axustan os diferentes tipos de calzado para traballar sobre el.
Utilización: Emprégana os zapateiros para bater nela as formas e solas dos zapatos, de coiro, goma, pel, etc. así como axustar os diferentes tipos de calzado para facer outros traballos propios do oficio (coser, remachar…).

Torquesa
Variante de tenaces constituída por dous brazos móbiles suxeitos a un eixe fixo e rematados en forma de boca curva con puntas chatas e dentadas para proporcionar maior agarre e suxeición. Abaixo a boca dispón dun taco do mesmo material para empregar a xeito de pequeno martelo. No extremo dun dos brazos dispón dun pequeno furado para pendurala do panel das ferramentas.
Utilización: Emprégase para estirar a sola (de coiro ou caucho) do calzado, cravar pequenas puntas e cravos…

Máquina de coser
Artefacto que consta de dúas ordes de pezas: sustentantes e sustentadas. As primeiras forman unha armadura de ferro de catro pés que terma de dúas plataformas cuadrangulares a diferentes alturas, unha máis longa a menor altura e outra máis pequena a maior, que serve de soporte ao mecanismo. Na base desta sección leva un pedal rectangular de ferro, perforado por unha trama de ferros entrelazados, que por un movemento de vaivén imprime movemento xiratorio ao mecanismo principal da máquina situada na plataforma superior por medio dun cordón de coiro a xeito de polea. A peza sustentada, a máquina mesma, consta de catro soportes que a elevan da plataforma na que se encaixa. Está composta por unha peza de ferro en forma de «L» deitada que apoia na base polo brazo máis curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo á superficie. Nesta parte articúlanse diferentes mecanismos que imprimen as agullas de coser un movemento ascendente-descendente.
Utilización: Emprégao o zapateiro para coser solas e coiro duro para facer zapatos e diferentes traballos co coiro.

 

OFICIOS DE MADEIRA | OFICIO DO FERRO E DOS METAIS | OFICIOS AMBULANTES | TRABALLOS DO TECIDO | OUTROS OFICIOS

 

A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

Noticias

Novidades da Trabe