A CASA LABREGA  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

A MENTALIDADE: Relixión, educación e emigración

Nesta sección poderá atopar toda unha serie de pezas que foron básicas na cultura do pobo galego.  No tocante á relixión, poderá atopar varios confesionarios, reclinatorios, candeeiros, farois, libros litúrxicos…  A Escola reconstrúese nunha vitrina cun pupitre, a carteira de madeira na que gardaban os libros os rapaces e os trebellos propios da época. O apartado da Emigración está representado por diversos libros e estudos, un baúl deseñado para unha longa viaxe, a maletas de madeira, entre outras pezas.

 

OBXECTOS RELIXIOSOS | A ESCOLA | A EMIGRACIÓN

I. Obxectos relixiosos

Cadro devocional
Texto litúrxico encadrado por formas decorativas de carácter arquitectónico de estilo gótico flamíxero con gran profusión de decoración de arcos oxivais, pináculos dentados, óculos cuadrifolios, columnas estriadas de gran desenvolvemento vertical e motivos vexetais que enmarcan un gran arco oxival no que se contén o texto. Dende o punto de vista cromático apréciase unha gran profusión de colorido prateado e dourado xunto co vermello, azul e morado, de tons vivos e brillantes. O texto vai flanqueado por dúas figuras humanas en tons prateados: á dereita a representación de San Marcos Evanxelista, vestido con túnica talar e manto, sobre unha peaña dourada sostida pola cabeza dun león. Leva como atributos un rolo de pergamiño na man esquerda e unha pluma na dereita. Preséntase como home maduro, con barba. Á esquerda unha figura feminina, nova, coa cabeza ladeada, vestida con túnica talar e manto sobre unha peaña dourada sostida por unha aguia. Leva como atributo un rolo de pergamiño sostido con ámbalas dúas mans. A lámina vai encadrada nun marco de madeira protexido con cristal. O marco vai decorado con bandas en relevo consistentes en restras de motivos vexetais (flores, pólas e froitas de diversos tipos)...
Utilización: Cadro empregado como motivo de devoción, adoración e culto para recitar o seu texto na misa de defuntos e no tempo da Paixón.

Confesionario
Moble de madeira a xeito de cadeira que consta dunha táboa rectangular (146,5 x 46 cm) disposta verticalmente e enfeitada na parte superior cunha moldura semicircular. No centro da táboa leva unha abertura, a xeito de fiestra, cunha celosía ou grade feita con láminas de madeira entrecruzadas e dispostas de xeito diagonal. A mesma táboa serve como pé da cadeira. Pola outra banda ten un asento cuadrangular (55,5 x 48,5 cm) unido á táboa vertical e sostido por dúas patas prolongadas en altura sobre as que repousa un brazo de madeira decorado cunha voluta nun extremo e prolongado por detrás a xeito de costas conectando coa táboa vertical que, baixo a fiestra, e á mesma altura do outro brazo, dispón dunha peza de madeira en forma de arco que actúa como outro brazo da cadeira.
Utilización: Emprégase como moble dedicado a escoitar a confesión sacramental na liturxia cristiá.

Confesionario
Moble de madeira con forma paralelepípeda. A parte frontal componse dunha porta de entrada dividida en dúas metades, unha inferior, grande e totalmente opaca, e outra superior máis pequena (poxigo); esta leva no centro unha abertura a xeito de fiestra (49,5 x 36,5 cm) cunha celosía ou grade feita con finas láminas de madeira, entrecruzadas e dispostas de xeito diagonal. Ámbalas follas da porta péchanse por fóra cun taco de madeira xiratorio nun eixe de ferro (tarabelo). Remata a parte dianteira nunha peza de madeira de forma triangular (a modo de tímpano ou frontón arquitectónico) co cume substituído por unha peza semicircular, formando todo un só conxunto, situado enriba da porta. Os paneis laterais levan así mesmo unha abertura a xeito de fiestra máis pequena cá de diante (21,5 x 25 cm) con celosías feitas da mesma forma cá anterior. Levan na parte superior dous colgantes en cada unha, empregados para soportar unha cortina pequena. No interior dispón dunha táboa que cruza a cabina de lado a lado a xeito de banco ou asento; e baixo as fiestras, unha peza de madeira en forma de arco que serve como apoiabrazos para o confesor. O moble repousa en dous listóns de madeira dispostos ao longo dos lados menores da cabina.
Utilización: Emprégase para escoitar a confesión sacramental da liturxia cristiá.

Pía
Recipiente de pedra de gra, cóncava por dentro, en forma de tronco de cono invertido, de labra ruda e desbastado sinxelo.
Utilización: Emprégase nas igrexas parroquiais para conter auga bendita, persignarse e administrar o sacramento do bautismo.

Reclinatorio
Moble de madeira que, visto lateralmente, ten figura de L composto por dúas pezas básicas: unha vertical e outra horizontal que forma ángulo de 90º. A vertical componse de dúas táboas paralelas ensambladas nunha estrutura en forma de cruz latina, que ao tempo de servir funcionalmente como reforzo do conxunto da peza vai adornada con diversas molduras de carácter xeométrico; sobre esta estrutura ensámblase outra táboa máis curta en ángulo inclinado transversalmente para apoio dos antebrazos na postura de xenuflexión do corpo humano. A horizontal, de menor altura, é unha peza móbil, paralela ao chan, formada por unha estrutura de madeira con dous pés no extremo saínte e dous listóns para introducir en senllas canles na parte inferior da peza vertical, formando catro apoios na base do moble. Sobre esta peza disponse unha táboa ancha posta de plano para axeonllarse.
Utilización: Emprégase nas igrexas para axeonllarse con comodidade e adoptar a posición apropiada para o rezo.

San Xosé
Imaxe escultórica de San Xosé de inspiración claramente románica en canto a talla e barroca en canto a policromía. Iconograficamente identifícase como San Xosé polo seu aspecto de home maduro (tradición de orixe trentina) e representado calvo e con barba, de clara filiación medieval. Dende o punto de vista estilístico correspóndese o rústico da talla coa técnica dos carpinteiros e tallistas rurais metidos a labores non propios da súa aprendizaxe. Responde á tradición medieval (románica) de proporcións, coa cabeza grande de máis respecto do canon xeral do corpo. Rostro con beizos grosos pintados de vermello, ollos avultados e meixelas inchadas, aspectos estes traballados con gran esquematismo e sinxeleza de formas, o mesmo có tratamento da barba e o cabelo, con grandes e profundas incisións, mostrando todo o conxunto da imaxe unha inexpresividade grande. O corpo redúcese a un cilindro que mostra unha indumentaria con panos tratados con gran dureza e profundas incisións na madeira a xeito de pregamentos ou dobras da roupaxe ocultando as estruturas corpóreas; é notoria a falta total e absoluta de modelado. Toda a figura está montada sobre unha peaña no mesmo bloque do material, facendo conxunto coa figura. A inspiración barroca acúsase na policromía empregada, tanto na carnación do rostro e mans coma na roupaxe (mantos e esclavina), pintados con cores discretas coma castaño, verde oliva ou amarelo escuro ou dourado na esclavina, que tratan de arremedar os ricos dourados das imaxes relixiosas do século XVII ou XVIII, cos medios primitivos con que contaban os tallistas das aldeas. É unha imaxe de devoción ideada para pendurar dunha parede, polo que só está traballado o frontal e laterais, é dicir, as partes visibles, estando o dorso sen apenas desbastar, cun pequeno oco diagonal na parte superior traseira para axustalo a un soporte de parede, aínda que tamén se pode pousar sobre unha superficie lisa.
Utilización: Emprégase como imaxe devocional e de culto nas igrexas rurais.

Candeeiro
Consta de catro pezas encaixadas entre elas por medio de roscas. De arriba abaixo: un cilindro oco que serve para introducir e soster a candea; unha especie de palmatoria, sen asa, para recoller os residuos da combustión disposta horizontal e transversalmente ao sentido da columniña; fuste composto por dúas pezas enroscadas entre si e ao mesmo tempo ao pé, de forma triangular, configurado con resaltes nos seus vértices que actúan a xeito de alzas. Tanto o cilindro coma o fuste van torneados facendo entrantes e saíntes con diversas formas de carácter puramente xeométrico traballadas a torno, mentres que a base, dunha soa peza, é produto de fundición da que conserva na súa parte interna os estigmas dos moldes.
Utilización: Emprégase para iluminar. Utensilio que serve para manter a vela ou candea dereita.

Candeeiro
Consta de catro pezas ben delimitadas encaixadas entre elas por medio de roscas. De arriba abaixo: un cilindro oco de gran sinxeleza que serve para introducir e soster a candea ou vela; unha pequena cunca en forma de campá invertida, decorada na súa base con motivos vexetais estilizados, empregada para recoller os residuos da combustión da candea; baixo esta, columna de fuste estriado e sección de diámetro crecente cara a abaixo que remata nunha basa de corte clásico na que terma media esfera decorada con motivos vexetais aínda de maior estilización cós anteriores; estas pezas aséntanse sobre a base do candeeiro, peza en forma de pirámide truncada, de tres lados, coas arestas chafranadas e as caras cóncavas, percorridas na parte superior por un friso decorado con motivos gravados, vexetais e xeométricos. Cada esquina da base da pirámide está decorada con follas de acanto de carácter naturalista rematadas na súa parte superior en pequenas volutas, e en grandes na inferior, que ao mesmo tempo cumpren a función de sobreelevar o candeeiro do chan. As caras da pirámide forman un marco que no seu centro se atopa afundido e decorado na superficie con motivos vexetais do que sobresaen en técnica de mediorrelevo os bustos de Xesucristo, Santa María e San Xosé (o grupo da Sagrada Familia) todos coa aura de santidade ademais dos seus atributos iconográficos específicos.
Utilización: Iluminación. Utensilio que serve para manter a candea ou vela dereita.

Farol
Caixa de folla de lata de forma paralelepípeda coas paredes do mesmo material, provista dunha asa na parte superior para o seu transporte e unha portiña que permite o acceso ao interior e que pecha cunha sinxela caravilla. A caixa está formada por tubos ocos soldados polos seus extremos e pintados de cor branca. As paredes son de folla de lata pintadas de cor azul celeste; os lados maiores levan dúas fiestras con forma de arco de medio punto sobre o que repousa un óculo, ámbolos dous elementos están pintados con tons dourados; entre as fiestras unha custodia dourada cunha lámina de cristal no centro. Os lados menores levan unha soa ventá, tamén de arco de medio punto co óculo inscrito na semicircunferencia e con parteluz, partes todas en tons dourados. Cada unha das paredes leva decoración vexetal trifoliada nos ángulos. O teito, a catro augas, está formado por láminas de folla de lata imitando as tellas de cor vermella; remata en tres pináculos (fáltalle un) de latón; baixo este leva unhas láminas con pequenas perforacións para a saída dos fumes da combustión, con motivos xeométricos e factura artística. No interior leva dúas palmatorias de forma lobulada para soster as candeas.
Utilización: Iluminación.

Cruz arcebispal (patriarcal)
Obxecto relixioso formado por un pé e dous traveseiros paralelos de lonxitude desigual que forman catro brazos cos estremos máis anchos en figura de cáliz floral (litúrxico por analoxía). A parte frontal, de arriba a abaixo, está decorada con diversos signos, motivos e figuras alusivas á temática relixiosa: arriba o texto «INRI» (I[esus)] N[azarenus] R[ex] I[udeorum]) inscrito en relevo nunha cartela enfeitada; máis abaixo a figura de Cristo crucificado, en medio relevo, pegada á superficie da cruz, coas mans cravadas nos extremos do brazo máis curto e elevado da cruz, prolongando o corpo, espido, só co pano de pureza máis abaixo do brazo transversal máis longo da cruz. Este á súa vez leva en cada extremo un símbolo: á esquerda «IHS» cunha cruz voada (I[esus] H[ominis] S[alvatore]) e á dereita un «M» maiúsculo cruzado por un «A» tamén maiúsculo, anagrama de A[ve] M[aría]. Máis abaixo a representación en medio relevo, pero formando parte da estrutura da cruz, a representación de María Inmaculada, en actitude orante, cuberta co manto e disposta sobre a representación estilizada dunha media lúa; vai flanqueada, fóra da estrutura da cruz, por dous anxos tenantes (de canon moito máis grande cá Virxe) termando da parte inferior. Na base da cruz leva a figura dunha caveira cruzada en aspa por dúas tibias, símbolo do sufrimento no monte do Calvario. Todo o perímetro da cruz vai percorrido por un sogueado como motivo decorativo. O dorso leva diferentes ocos, de variadas formas: ovais, circulares, trifoliados... que aínda conservan pequenas almofadas onde posiblemente se engastaron pedras e esmaltados de diferentes cores, hoxe non conservados.
Utilización: Emprégana os arcebispos e altas dignidades eclesiásticas como elemento de distinción do rango, levándoa pendurada do pescozo por unha cadea que pasa polo orificio que leva a cruz no cume.

Estola
Tira de seda de cor morada pola cara exterior e cincenta pola interior. Está decorada con apliques de tea amarela tecidos con fíos dourados (hoxe descoloridos) e decorados con motivos de carácter relixioso (cruces, restras de uvas...) en relevo. A tira de tea alóngase e faise máis ancha nas extremidades. No centro da cara exterior da peza leva unha cruz de brazos anchos formada pola superposición de dous anacos da mesma tea amarela e cos motivos anteriores; polo interior e na mesma disposición leva cosido un fiador (cordón de fíos claros e retortos forrados cunha tea de cores, amarela e morada facendo xogo coas cores principais do conxunto) para asegurar a peza e evitar a caída e perda.
Utilización: Emprégase como complemento decorativo da indumentaria litúrxica que empregan os cregos para misar, colgándoa do pescozo e suxeitándose en moitos casos baixo a casula co cordón (fiador) disposto para o caso.

Sombreiro de crego
Especie de chapeu de feltro, de cor negra, formado por unha aba oval de non moito desenvolvemento e unha copa esférica.
Utilización: Emprégana os cregos para cubrir a cabeza e a cor negra fai xogo coa indumentaria de rúa (sotana, calzado, etc.).

Peto de esmolas
Hucha de madeira de forma rectangular cunha fenda na tapa superior para botar as moedas e unha porta corrediza na parte traseira encaixada nunhas guías para recoller os cartos. Por tras leva unha táboa que alza por riba da estrutura da caixa rematando en arco de medio punto; o frontal desta parte vai decorado con motivos relixiosos: un ostentorio ou custodia dourado (hoxe perdeu parte desa cor) co óculo pintado en branco semellando unha lámina de cristal, peza tallada en mediorrelevo sobre unha superficie apincarada con pequenas incisións de punteiro na madeira ao natural. Este conxunto decorativo vai enmarcado con decoración de carácter arquitectónico tamén labrada en mediorrelevo: nos laterais un par de columnas de fuste liso (con basa, pedestal, toro e capitel) que «terman» ficticiamente dun arco de medio punto co intradorso festonado, axustado á forma semicircular da táboa. Por tras leva unha asa de madeira para transportalo e pasalo por entre a freguesía.
Utilización: Emprégase para recibir esmolas e ofrendas para repartir cos pobres e colaborar no mantemento da igrexa, restauracións do templo e imaxes relixiosas, etc.

Tenaces de facer hostias
Instrumento de ferro constituído por dous brazos longos de sección cuadrangular unidos por un eixe e cruzados en aspa. Remata nun extremo en dúas pranchas poligonais (rectangulares cos ángulos chafranados) que axustan de plano cando se pecha o instrumento. Unha delas está gravada a burel na parte interna con catro círculos, dous grandes (8 cm de diámetro) que ocupan a totalidade da prancha e dous pequenos (2,5 cm) centrados entre os grandes. Todos eles levan inscritos en baixorrelevo unha cruz latina. A cara interior da outra prancha está totalmente lisa. O extremo oposto, ao final dos mangos, leva un fiador ou argola de seguranza para pechar o instrumento e evitar a súa apertura.
Utilización: Emprégase para facer as hostias de pan asmo ao premer a pasta de masa entre as dúas pranchas dándolle a forma circular coñecida, coa impresión da cruz.

OBXECTOS RELIXIOSOS | A ESCOLA | A EMIGRACIÓN

II. A escola

Carteira
Pequena caixa de madeira de forma rectangular con apertura en dúas seccións das mesmas dimensións. Vai provista con asa de folla de lata e un pecho do mesmo material. A posteriori dispúxoselle, para maior seguridade, un cáncamo (o outro que tiña en orixe non se conserva) para pechar a carteira cun cadeado ou dispositivo similar.
Utilización: Emprégase para gardar e levar á escola os libros, cadernos, pizarras e todo o material preciso para os labores escolares.

Pupitre
Moble de madeira formado por unha tarima de táboas sobre a que se dispón, por detrás, un par de asentos coas costas montadas nun eixe de madeira para pregalos cando conveña. Diante leva unha táboa de plano inclinado para facilitar a escritura. Esta, na parte frontal, dispón dunha regaña, que percorre a táboa lonxitudinalmente, para pousar os instrumentos para escribir (bolígrafos, plumas, lapis, etc.) e dun oco circular no centro xeométrico do lado maior para encaixar un tinteiro (de metal ou de cristal).
Utilización: Emprégase como moble escritorio nas aulas dos colexios.

 OBXECTOS RELIXIOSOS | A ESCOLA | A EMIGRACIÓN

III. A emigración

Baúl
Gran caixa rectangular de madeira recuberta con pel, de cor negra polo exterior, con apertura en dúas seccións de iguais dimensións. Vai provista de grandes e fortes ferraxes de metal, o mesmo ca nos ángulos das caixas que conforman o obxecto, reforzadas con contrafortes do mesmo material. O interior atópase dividido en compartimentos con diferentes usos: mentres que unha das seccións da caixa está totalmente dividida en gabetas de diferente altura, en función dos obxectos que se van gardar, e igual profundidade, que coincide co fondo da caixa. O seu interior vai revestido con papel decorado con motivos abstractos, en tanto que o exterior leva pranchas de formica embelecendo o conxunto. A outra sección atópase libre coa tapa superior móbil, xogando nun par de bisagras, para permitir pendurar roupa longa nunhas barras retráctiles, de latón sobrechapado, no canto superior dela, do mesmo xeito ca un armario fixo.
Utilización: Emprégase para gardar roupa, calzado e outras pertenzas. Está especialmente deseñado para o transporte deste tipo de obxectos durante unha longa viaxe.

Maleta
Caixa de madeira de xeito rectangular con apertura en dúas seccións, a inferior de maior profundidade. Vai provista dunha asa de folla de lata e dun pecho de presión. Os ángulos das caixas que conforman o obxecto van reforzados con contrafortes de folla de lata remachados na madeira de soporte.
Utilización: Emprégase para gardar a roupa e outros obxectos persoais durante unha viaxe.

 

 

OBXECTOS RELIXIOSOS | A ESCOLA | A EMIGRACIÓN

 

A CASA LABREGA  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

Noticias

Novidades da Trabe