A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

A CASA LABREGA

O Museo ten reconstruídas nas súas instalacións unha casa labrega e unha adega. Neste apartado pódense ver as diferentes estancias que compoñían a casa: o dormitorio coa súa cama, o berce, a mesa de noite e a decoración que posuía; a cociña coa súa lareira, a iluminación con candís e toda unha serie de pezas: artesas, bancos, potes, chineiros para gardar a louza… Na adega está o lagar, os pelellos, o carro, o canizo e outras pezas que se gardaban nela. 

 

I. A adega

Alquitara (Pota)
Aparello de cobre composto por dous corpos; un inferior (pote ou caldeira) de forma aproximada a unha esfera con dúas asas de ferro para transportala e un corpo superior (capacete) en forma de pagode onde se condensan e refrixeran os vapores que emanan do bagazo. Do cume desta peza arrinca un tubo longo (canón) revirado cara a abaixo e suxeito cun tirante de ferro que abraza o canón pola metade e vai dar ao centro da caldeira.
Utilización: Emprégase para extraer por medio do lume e polo procedemento de destilación a augardente do bagazo da uva.

Canado (Barcal)
Recipiente de madeira, ápodo, de forma rectangular en planta cun amplo cano cuadrangular (12,5 x 9 cm) na parte dianteira e na traseira un taco de madeira horizontalmente disposto a xeito de asa. O perfil do aparello é baixo (13 cm) e vai totalmente descuberto por riba.
Utilización: Emprégase como medida de capacidade para o viño cunha capacidade arredor dos 36 litros.

Cubeto
Recipiente de madeira composto por táboas curvas (duelas) de maior ancho na parte central ca nas bocas, xuntando nelas e aseguradas con catro aros de ferro (dous na parte superior e dous na inferior) remachándose nos extremos con dúas pugas de ferro en cada un. As bocas péchanse con tapas circulares (tempas) formadas por seis pezas axustadas na gargueira (incisión que leva no interior das bocas). Na barriga do recipiente fixéronse dous buratos, un grande (14 cm diám.) para enchelo e lavalo por dentro, e outro máis pequeno (piqueira) tapado cun billote (tarugo de madeira) por onde se regula a saída do líquido cando conveña cunha billa axeitada ao uso.
Utilización: Emprégase xeralmente para conter viño aínda que se pode usar para auga, aceite e outros líquidos.

Lagar
Depósito máis ou menos cilíndrico, aínda que de maior diámetro na base (2,15 m) ca na boca (1,85 m) feito con duelas (táboas de madeira) rectas, unidas e aseguradas con catro aros de ferro remachados nos extremos con dúas pugas de ferro. Os extremos péchanse con tapas circulares (tempas), a superior móbil. Esta peza vai ergueita do chan e encaixada nunha tarima ou sobrado formado por un entramado de listóns e traveseiras de ruda labra. Na base traseira leva incrustados dous postes que sobresaen por riba do lagar por onde están furados para articular, por medio dun eixe, unha forte trabe de madeira, toscamente labrada, que leva no cabo oposto un burato vertical onde se encastra unha peza cadrada de madeira que o cruza e que dispón dunha rosca pola que pasa un gran parafuso de madeira (fuso) que se fai xirar a man por medio de catro tornos cilíndricos encaixados en dous buratos. O fuso leva na base un espigo de ferro que xira sobre unha peza de pedra de gra de forma troncocónica, chamada penso ou pedra, facendo baixar a trabe e premer a uva. Para que saia o viño ao prensar o bagazo o lagar dispón na base dun burato circular (biqueira).
Utilización: Serve para prensar o bagazo da uva para facer o viño.

Pelello (Odre)
Saco ou bolsa feita de coiro de cabra ou cabrito cosido e pegado polos tocos e outras aberturas agás pola correspondente ao pescozo do animal que actúa como boca do recipiente.
Utilización: Emprégase para conter e transportar líquidos (viño xeralmente aínda que tamén auga, aceite, etc.).

Porrón
Cacharro con figura troncocónica na súa metade inferior e esferoidal na superior rematada nunha protuberancia aguzada. Dispón de dúas bocas: «bico grande» para enchelo e «bico delgado» para beber e verter o contido. Conta cunha forte asa semicircular para o transporte. Ausente de todo tipo de adorno e enfeite.
Utilización: Emprégase para conter a auga e mantela fresca ao «supurar» polos poros do material (barro ou arxila propia da zona de Niñodaguia).

Xerra
Descrición:
Cacharro configurado con suaves incurvacións tanto na súa «barriga» coma a nivel do pescozo. Dispón dun bico ou biqueira no corpo cilíndrico que sobresae do corpo principal e unha asa diamentralmente oposta a esta.
Utilización:
Emprégase para conter e servir líquidos comúns e concretamente viño.

Xerra
Recipiente feito de vimbio e pez, de bandullo esférico moito máis amplo cá boca cun bico para facilitar o vertido do líquido. Conta cunha asa feita do mesmo material e leva pegada unha basa feita cun aro de madeira para pousar. O interior vai revestido cunha capa de substancia resinosa (pez) que impermeabiliza o recipiente.
Utilización: Emprégase para conter e servir líquidos, xeralmente o uso máis estendido é o de servir o viño.

Xerro
Recipiente configurado en forma ovoidal con suave incurvación na súa «barriga» e un pescozo alto e cilíndrico que leva un bico ou biqueira apertada e premida na base desta. Está vidrado totalmente na parte interna e no terzo superior da externa cun «baño roxo» decorado con aplicacións de barbotina ocre en figura de ondas (vidrado en orella de boi) aplicado manualmente coa xema dos dedos.
Utilización: Emprégase para conter e servir líquidos en xeral e viño en particular tanto na casa coma na taberna.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

 

II. A cociña

Ámboa
Peza de deseño ovoide, alongado e de ampla boca de beiras curvas e «volteadas» rematando por baixo nun reducido segmento troncocónico e base estreita. Distínguese a «orella» ou bordo reforzado e adornado con «picados» cun escaso «papo» ou pescozo que o separa da «barriga» ou corpo. Para reforzo das súas paredes ten distribuídos por toda a superficie exterior uns relevos circulares «bincalos», cordóns decorados con depresións dixitais (uñadas).
Utilización: Emprégase para conter líquidos como medida do viño, para transporte e outros usos como «facer» e gardar o viño tostado, vinagre, tomates, cebolas, pementos verdes, etc. Tamén servía para facer a purificación do aceite.

Aceiteira
Recipiente de folla de lata en figura de tronco de cono; leva dúas asas superpostas de tamaño decrecente, máis pequena a superior cá inferior, e un tapón, tamén de lata, en forma cilíndrica e oco.
Utilización: Emprégase para conter pequenas cantidades de aceite ademais doutros líquidos coma o vinagre, gas, etc.

Balde
Recipiente de cobre en forma de tronco de cono invertido co fondo pequeno e rematado por riba nunha semiesfera que leva unha boca cilíndrica co bordo superior reforzado por un aro de ferro remachado á estrutura. Ten unha asa de ferro para transportalo.
Utilización: Emprégase para levar e conter auga.

Batedor
Aparello de madeira composto por un fuste cilíndrico cunha lixeira moldura nun extremo e un cilindro de madeira axustado no outro, tendo este toda a superficie tallada de xeito denticular para bater e desfacer a substancia sólida. Sobre esta unha rodela de madeira do mesmo diámetro tamén dentada, que xira arredor do fuste.
Utilización: Emprégase para bater chocolate, manteiga e outras substancias semisólidas facéndoo xirar entre as dúas mans.

Caldeira
Recipiente de cobre de gran tamaño con forma cilíndrica e provisto dunha anga semicircular de ferro para penduralo sobre o lume na gramalleira.
Utilización: Emprégase para quentar auga e cocer alimentos pendurándose do gancho da gramalleira sobre o lume.

Cántaro de medida (Ola de medida)
Recipiente de configuración ovoide e esferoidal de ampla barriga, seguido cara a abaixo dun segmento troncocónico de base estreita. O bordo da boca é moi consistente. Na parte máis saínte do corpo vai arrodeado por un «vinco» ou reforzo e outros tres están dispostos verticalmente do pescozo ata o reforzo anterior e regularmente distribuídos no contorno.
Utilización: Emprégase como medida para líquidos, concretamente viño, de aí o seu nome: «olas de medida» ou «ola do viño» co que tamén se coñece.

Cántaro do sulfato
Recipiente de configuración ovoide e esferoidal seguindo cara a abaixo dun segmento troncocónico de base estreita. O bordo da boca é moi consistente e leva unha biqueira para facilitar o baleirado do «sulfato». Na parte máis saínte do corpo leva unha incisión que percorre todo o perímetro.
Utilización: Empregábase para levar o «sulfato» á máquina de fumigar con que se traballaba.

Cazo
Utensilio de cociña consistente nun recipiente semiesférico de latón cun mango de ferro longo e dobrado polo extremo formando un buraco para penduralo.
Utilización: Emprégase na cociña para remexer os alimentos durante o proceso de cocción e para servilos directamente no prato ou noutra vasilla.

Coador
Utensilio en figura de cono, feito de folla de lata, cribado de pequenos orificios dispostos en trama regular. Leva un mango longo de ferro remachado na beira da circunferencia e perforado no extremo para penduralo.
Utilización: Emprégase para separar líquidos dos sólidos contidos neles, e en xeral todo tipo de impurezas; máis especificamente emprégase para coar o leite.

Chocolateira
Vasilla similar a un pucheiro, de forma esferoidal no seu corpo con ampla base que por riba se abre desde o pescozo ata a «orella» ou bordo groso. Leva no corpo unha asa en forma de rabo, oca, co fin de que non se desprenda coa calor, que fai de agarradeira disposta con certo grao de inclinación.
Utilización: Emprégase para diluír o chocolate en onzas (chocolate das paridas), quentar auga ou preparar o almorzo de caldo ou leite.

Chocolateira
Recipiente de cobre de forma troncocónica coa barriga bandullenta ampliándose pola base a xeito dun prato invertido actuando como soporte para pousar enriba dunha superficie. Consta dun mango de ferro remachado no vaso por dous cravos de cobre e no outro extremo leva unha argola ou burato para penduralo nun cravo no alzadeiro ou lugar semellante.
Utilización: Emprégase xeralmente para facer e servir o chocolate.

Fonte (Bandexa)
Vasilla de madeira de figura semellante a unha cunca, fonda e ampla en forma de media esfera empregada para servir alimentos sólidos na mesa.
Utilización: Emprégase para labrar e cavar as terras duras, arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso que se axeite ao uso común.

Forma para o roscón (Molde)
Molde en forma de tronco de cono invertido cun burato no centro que se prolonga cara a arriba en forma de tubo troncocónico a xeito de cheminea. Leva unha argola na beira superior para retiralo do forno.
Utilización: Emprégase como molde para meter a masa do roscón (doce elaborado con fariña, ovos, azucre e leite, con forma de rosca) no forno.

Funil
Utensilio de cociña, oco, ancho por riba, de forma cilíndrica, en figura de cono e rematado nun cano estreito. No interior quedan restos dunha tea de fino arame, cribada de pequenos orificios que ao tempo do transvasamento coa e limpa os líquidos, na base interna do cono. Consta de dúas asas unha a cada lado na parte superior.
Utilización: Emprégase para separar líquidos dos sólidos contidos neles e, en xeral, todo tipo de impurezas ao tempo de transvasalos a outros recipientes de boca máis estreita.

Garfo
Instrumento de cociña feito todo de ferro, con tres dentes curvos e puntiagudos e un mango ancho e plano rematado nun burato para penduralo dun cravo no alzadeiro ou no gancho dunha variante especial de trespés axeitado para isto.
Utilización: Utensilio empregado para cociñar na lareira co uso específico de prender ou asegurar unha peza de alimento (carne, patacas, etc.) que se quere cortar ou recoller do pote ou cazola.

Machada
Ferramenta de ferro, cortante, que consta dunha pa cun fío aceirado algo curvado e que ten un ollo no que se axusta un mango de madeira no plano lonxitudinal e de xeito paralelo á mesma.
Utilización: Ten diversos usos na agricultura e tamén no uso doméstico.

Mazo de morteiro
Instrumento complementario do morteiro co que fai xogo; fórmase por unha peza de madeira en forma de badalo con molduras torneadas e axustadas á anatomía da man pechada.
Utilización: Emprégase fundamentalmente na cociña para esmagar certas substancias no morteiro (especias, semente, herbas...) para adobar e aliñar as comidas.

Morteiro
Recipiente de madeira en forma de vaso ou pequena cunca moldeado a torno e decorado polo exterior cunhas bandas de cor máis escura cá madeira base. Para moer ou esmagar os produtos dispón dun mazo tamén da mesma madeira e con formas torneadas axeitadas á anatomía da man pechada.
Utilización: Emprégase sobre todo na cociña e para usos alimentarios como esmagar certas substancias nel (especias, semente, herbas...).

Muíño do café
Enxeño feito cunha caixa de madeira que leva unha pequena naveta para recoller o po da moída. Sobre esta unha cúpula de ferro seccionada transversalmente, unha parte fixa e outra móbil para permitir enchelo de gran. Enriba conta cunha manivela (mecanismo de transmisión constituído por un brazo de ferro, cun pomo xiratorio de madeira) perpendicular a un eixe que imprime rotación a unha «moa» (peza de ferro dentada) que pulveriza o gran.
Utilización: Emprégase para moer o gran do café.

Ola
Recipiente de forma esferoidal moi barriguda na parte ensanchada seguido dun segmento troncocónico cara á base. Está vidrado totalmente na parte interna e no terzo superior da externa cun «baño vermello» (vidrado moderno) carente de todo tipo de adorno.
Utilización: Emprégase para ir á auga, gardar o viño e o leite e tamén para mazalo adaptándolle unha rodela (cunca de madeira ou arxila) e un mazo.

Pote
Recipiente de ferro de bandullo esférico moito máis amplo cá boca de forma cilíndrica, provisto de tres pés e dúas asas pequenas unha a cada lado, en forma de escuadra, das que se engancha outra máis grande (anga) para colgalo da gramalleira. Leva un testo do mesmo material con asa semicircular no cume.
Utilización: Emprégase para quentar a auga para a coada e facer a comida para os porcos.

Pucheiro
Cacharro en forma esferoidal no seu corpo con ampla base que por riba se abre desde o pescozo ata a orella ou bordo. Este leva dúas asas diametralmente opostas. A parte interna e terzo superior da externa van vidradas cun «baño vermello» e sinxelas decoracións de cor ocre a base de grupos de tres pinceladas diagonais na base do pescozo.
Utilización: Emprégase fundamentalmente para gardar o pingo e graxa do porco, aínda que tamén se pode usar como «xerra» para servir diversos líquidos como viño, etc.

Pucheiro (Pota catalá)
Cacharro de desenvolvemento vertical en forma máis ou menos cilíndrica no seu corpo con ampla base que por riba se abre desde o pescozo ata a «orella» ou bordo groso. Neste leva dúas asas diametralmente opostas.
Utilización: Emprégase para guisar directamente ao lume, muxir as vacas e gardar o pingo (graxa de porco) e os chourizos nel.

Sella
Recipiente de forma troncocónica feito con duelas (táboas) de madeira suxeitadas con aros de metal dourado (latón) e cunha asa do mesmo material soldada no aro central.
Utilización: Emprégase para transportar e conter auga.

Tixola
Recipiente circular de ferro, máis largo ca fondo e coa base plana. Dispón dun mango longo e plano do mesmo material.
Utilización: Emprégase na cociña para fritir ou tostar alimentos.

Trespés (Trepia)
Estrutura de ferro de forma triangular elevada do chan por medio de tres pés formando o conxunto unha estrutura unitaria.
Utilización: Emprégase para poñer sobre o lume na lareira as vasillas ápodas que non teñen soporte para isto (potas, tixolas...)..

Xerra
Recipiente coa boca de forma ostentosa que se desprega ondulándose lateralmente para logo comprimirse fortemente na base do seu bico ou biqueira. Esta apértase na base e, para premela máis, leva un reforzo decorado e percorrido por un cordón con impresións dixitais (unlladas), tamén chamado «vinco». Como motivo de adorno póñenselle relevos ou vincos que prolongan a ponte do bico cara a abaixo debuxando unha ampla curva; ademais leva decoracións incisas arredor do bandullo consistentes e simples punteados ou «picados»; por baixo destes leva ademais liñas incisas onduladas chamadas «ringorrangos». Esta xerra coa súa complexa decoración compón no seu conxunto unha figura antropomorfa con rostro humano de amplos e curvados bigotes representados por vincos.
Utilización: Emprégase para conter, gardar e servir viño na mesa ou na taberna.

Aparador (Chineiro)
Moble de comedor composto por cinco corpos. De abaixo arriba: un zócolo ou rodapé con catro resaltes que fan de pés, sobreelevando o zócolo do chan. Un segundo corpo (77 cm altura) leva dúas amplas portas que gardan uns andeis e dúas navetas ou caixóns enriba para gardar os cubertos e outros utensilios domésticos. Un corpo medio aberto por diante e con molduras de soporte polos laterais para termar do corpo superior, de menor profundidade (30 cm) có resto da estrutura. Consta de dúas portas acristaladas divididas horizontalmente pola súa metade cun bastidor formando catro panos. Remata o moble nun corpo superior, a cornixa, de gran desenvolvemento cara ao exterior. Presenta a madeira de castiñeiro unha fermosa tonalidade escura de curtido natural.
Utilización: Armario empregado para gardar a louza dunha casa e todo o que é preciso para o servizo dunha mesa (cuncas, cubertos, garfos, botellas…).

Artesa (Maseira)
Caixón de madeira en forma de tronco de pirámide rectangular invertida, elevada do chan por catro pés de madeira que lle dá aspecto dunha mesa. A parte superior leva unha tapa que se ergue namentres se amasa para o que vai provista de dúas bisagras; mantense aberta por medio dun pau ou fiador que a sostén. Entre os pés e baixo a caixa principal leva incorporado un caixón (65 x 42 x 15,5 cm) cunha argola a xeito de tirador empregada xeralmente para conter algún instrumental preciso para o amasado ou gardar o fermento para levedar a masa da próxima fornada.
Utilización: Emprégase para amasar a fariña para facer o pan (uso xeral) aínda que tamén serve para gardar nela pan…

Banco
Moble de madeira con respaldo con capacidade para cinco ou seis persoas. Consta dun asento, táboa disposta de plano horizontal e un respaldo, táboa disposta de plano vertical, ámbalas dúas cravadas nunha armadura de listóns. Tanto o asento coma o respaldo teñen os extremos redondeados carecendo en absoluto de decoración.
Utilización: Emprégase como asento para a cociña en xeral pero ademais no corredor ou no comedor os días de festa.

Burro
Armazón de madeira xiratorio formado por dous paus grosos dispostos en forma de escuadra; un longo e vertical máis estreito no tramo superior para permitir o xiro nun canzorro artellado na parede, e por baixo algo apuntado para introducilo nun rebaixe da pedra da lareira; outro máis curto axustado transversal e perpendicularmente nel serve para pendurar a gramalleira. Entre os dous paus grosos atravésase un máis miúdo a xeito de tirante e como reforzo do conxunto.
Utilización: Emprégase nas cociñas antigas para pendurar del a gramalleira da que penden os potes e caldeiros.

Canizo
Armazón de táboas e varas que forman unha plataforma a certa altura, ao comezo da campá da cheminea da lareira, labrada na superficie superior con canais e furada cunhas restras de ocos por onde pasa o fume e o aire quente do lume.
Utilización: Emprégase para afumar e secar as castañas, chourizos e outros produtos derivados da matanza do porco.

Cantareiro
Especie de mesa ou andel con catro patas e dous buratos circulares (19 cm diám.) na parte superior en forma de cunca cunha abertura por baixo. A peza horizontal ten unha forma irregular que repercute na colocación das patas, asimetricamente dispostas.
Utilización: Serve para colocar as cántaras e olas de barro na cociña (uso específico) aínda que se poden poñer os baldes e outros recipientes para conter auga. Sitúase a carón do vertedeiro para ter a man a auga que se precise.

Escano
Banco con respaldo e apoios para os brazos nos extremos con capacidade para catro ou cinco persoas sentadas. Ten unha forma maciza e forte, sen ocos na ensamblaxe. Está feito de madeira de castiñeiro cunha cor escura ao se curtir co fume da lareira. Amosa ausencia total de enfeites e decoración respondendo aos máis estritos esquemas de funcionalidade dos tradicionais mobles rurais galegos.
Utilización: Ten diversos usos; o máis xeneralizado é para sentar, quentarse ou comer ao carón do lume na lareira das casas tradicionais labregas durante as frías noites de inverno.

Escano con mesa de levante
Banco con respaldo e apoios para os brazos nos extremos con capacidade para catro ou cinco persoas sentadas. Ten unha forma maciza e forte sen ocos na ensamblaxe. Leva unha mesa de alzar de madeira, incorporada e articulada ao respaldo con dúas bisagras nos extremos de xeito perpendicular, apoiándose nuns resaltes da madeira, nos extremos dos brazos. Moble feito de madeira de castiñeiro cunha cor escura ao se curtir co fume da lareira. Ten ausencia case total de decoración, agás no cume dos soportes verticais do respaldo con dúas sinxelas figuras xeométricas e algunha moldura no entrepano do respaldo.
Utilización: Ten diversos usos: o máis xeneralizado é para sentar, quentarse ou comer ao carón do lume na lareira das casas tradicionais labregas durante as frías noites de inverno.

Fol (Barquín)
Instrumento feito con dúas tapas de madeira de castiñeiro en forma lanceolada cun pequeno mango en cada unha delas e unidas cunha peza de coiro flexible cravada nos cantos das tapas. No extremo oposto dispón dun cano de ferro para botar o aire e unha válvula nunha das tapas para recollelo.
Utilización: Emprégase para soprar e avivar o lume na lareira.

Gramalleira
Cadea de ferro que consta de doce elos en forma de «8», once deles de perfil plano e outro de formas cilíndricas, máis forte, para termar en último extremo do peso dos potes e caldeiros.
Utilización: Serve para pendurar no burro, e sobre a lareira das casas antigas para pendurar os potes e caldeiros sobre o lume para facer a comida e quentar auga para outros usos.

Tallo
Banqueta pequena para unha soa persoa, de xeito rectangular, sen respaldo, con catro pés cilíndricos e un buraco de formas irregulares no centro do asento (diám. aprox. 8 cm) para transportalo.
Utilización: Emprégase nas cociñas antigas para sentar ao carón do lume na lareira.

Touciñeira
Tronco de árbore descortizado, seccionado lonxitudinalmente pola metade en dúas tempas, unha a modo de piso e outra de teito, feitas de táboas grandes, ámbalas dúas da mesma sección irregular có tronco e dúas portas no frontal da mesma altura có moble suxeitas con dúas bisagras en cada unha das follas. Álzase do chan por medio de dous listóns de madeira dispostos nos extremos en profundidade. No interior leva un gancho de ferro en forma de áncora (63 cm lonx.) onde se penduran as viandas (xamóns, chourizos, touciño, etc.). .
Utilización: Emprégase para pendurar os touciños, xamóns, cacholas, etc. e protexelos dos roedores e demais animais domésticos.

Trasfogueiro
Moble de cociña formado por unha barra horizontal de ferro, sustentada a escasa altura do chan por catro pés, con dúas verticais nos extremos que rematan por riba en senllos ancheamentos semiesféricos creados por dúas láminas de ferro entrecruzadas, reviradas cara a arriba e suxeitadas cun aro de ferro, onde se poñen os candís para iluminar. Presenta ao longo dos brazos verticais volutas de diferentes diámetros que, ao tempo que serven como adorno do moble, se empregan para meter a punta dun espeto (barra fina e puntiaguda) para asar carne directamente ao lume.
Utilización: Emprégase para poñer ao carón do lume e apoiar nel as rachas de leña para que ardan mellor ademais de servir de soporte doutros instrumentos e trebellos de cociña (espetos para asar carne directamente ao lume, garfos, foles, trébedes...) e pousar na parte superior dos brazos da «U» pratos con comida e cuncas para conservarse quentes preto do lume.

Artesa (Maseira)
Caixón de madeira en forma de tronco de pirámide rectangular invertida, elevada do chan por catro pés de madeira que lle dá aspecto dunha mesa. A parte superior leva un taboleiro a xeito de tapa que se ergue namentres se amasa para o que vai provisto de dúas engrenaxes de puntas grosas entrelazadas que actúan de bisagras e mantense aberta por medio dun pau ou fiador que a sostén.
Utilización: Emprégase para amasar a fariña para facer o pan (uso específico) aínda que tamén serve para gardar nela pan, cereais e outros produtos domésticos.

Pa de forno
Ferramenta composta dun mango longo de sección oblonga e unha prancha case circular nun extremo, totalmente plana polas dúas caras.
Utilización: Emprégase tanto para enfornar a masa do pan coma para retirar o pan cocido do forno.

Rodo (Trollo)
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa de madeira en forma de táboa rectangular, sendo máis groso pola unión co mango de madeira e máis fino e apuntado pola zona de arrastre. A táboa ten unha lixeira concavidade en toda a súa extensión pechándose nos extremos para evitar o derrame lateral do contido recollido.
Utilización: Ten dous usos principais na agricultura; primeiro e como uso principal durante a malla dos cereais para axuntar o gran ou fariña; en segundo lugar para axuntar as brasas e limpar o chan do forno para cocer o pan.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

III. O dormitorio

Arca (Cofre)
Unha gran caixa de madeira sobreelevada do chan por listóns de madeira, accesible pola parte superior. Péchase cunha tapa plana que xoga en grandes bisagras alongadas que percorren toda a extensión interior da parede posterior e tapa. Está asegurada con tres grandes pechaduras na parte frontal; orixinariamente só contaba cun pecho que hoxe aínda conserva, pero posteriormente engadíronlle dous pechos máis, inutilizados tempo despois tapándoos polo exterior cuns anacos circulares de madeira atoando os buratos que aínda se conservan polo interior. Tanto a tapa como a parede frontal dispoñen dun pequeno burato circular que en tempos serviu para pechar a caixa cunha cadea asegurada cun pecho de cadeado e tamén como respiro para airear o interior da arca. Leva ferraxes artisticamente decoradas por tódalas caras da caixa: nas paredes laterais dispón de dúas asas ovaladas con decoracións zoomórficas (estilizacións de cans enfrontados); as arestas van reforzadas con ángulos e escuadras de ferro de formato lanceolado. Os espellos das pechaduras e, en xeral, todas as pezas da ferraxe contan con decoración vexetal (flores heráldicas e motivos vexetais varios) estilizada.
Utilización:
Na casa rural emprégase para gardar millo, centeo, fabas e outros produtos semellantes ademais da roupa (no cuarto), papeis...

Mesa de almofía
Moble feito de varetas de ferro. Estrutúrase en tres niveis compostos por aros de ferro de diámetro variable soportados por tres varetas cilíndricas de ferro dispostas verticalmente que na súa base se abren para formar tres pés enfeitados con pronunciamentos do propio material. De arriba abaixo consta de tres niveis: un nivel superior cun aro para encaixar a forma cilíndrica da almofía (37,5 cm diám.) arrodeado por un aro de maior diám. (54 cm) seccionado pola parte dianteira, onde se penduran as toallas, e sostido por tres soportes adornados en figura de «S» soldados á estrutura xeral do moble. Un segundo nivel leva unha plataforma circular de ferro (34 cm diám.) cun burato no centro xeométrico para desaugar; neste ponse unha almofía de menores dimensións cá outra, tamén furada no centro para baleirar o líquido do nivel superior; leva este nivel un pequeno balaústre decorado cun grupo de arames entrelazados formando ovas artisticamente dispostas. Un terceiro nivel, tamén cunha plataforma circular de ferro, onde descansa un balde para recoller os residuos e a auga sucia procedente do aseo persoal. Como elementos complementarios e inseparables polo uso leva en cada nivel descrito unha peza de aseo: almofía, xerra e balde.
Utilización: Moble que serve para soster os útiles precisos para o aseo persoal (almofías, xerras, baldes, peites, xabón, etc.).

Balde
Recipiente de porcelana de forma cilíndrica con algunhas molduras resaltadas da superficie na parte inferior. Consta dunha anga de metal, modelada en arcos de diferentes diámetros, con mango de madeira axustado no centro dela. Atópase decorado con motivos vexetais (papoulas, ramalletes de lilas…) de cores vermella, verde e azul e negro nas beiras da peza.
Utilización: Útil empregado, xuntamente coa mesa de almofía (moble) no que se dispón no nivel inferior, para recoller as augas sucias procedentes da limpeza e aseo persoal.

Xerra
Vasilla redonda de porcelana (ferro fundido) en forma de bacía pouco fonda (16 cm) cun burato e tapón no centro para desaugar. Está decorada con motivos vexetais (papoulas, lilas, etc.) de diferentes tons e cores (vermellos, verdes, morados claros) e azul e negro nas beiras da peza.
Utilización: Vasilla empregada xuntamente cunha mesa de almofía (moble), para conter e verter auga na almofía para lavarse e facer o aseo persoal en xeral.

Camareta (Berce)
Pequena cama ou leito formado por dúas pezas semicirculares de madeira, unha na cabeceira e outra nos pés arredor das que se cravan sete listóns de madeira configurando deste xeito unha forma de medio canón invertido cunhas formas inestables que se axeitan á función de arrolar o meniño.
Utilización: Emprégase como cama para deitar os nenos pequenos e pola súa construción axéitase para arrolalos para que collan sono.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

 

IV. Iluminación

 Candil de carburo
Utensilio de iluminación formado por dous recipientes cilíndricos de ferro superpostos, o inferior de maiores dimensións, ensamblados por medio dunha rosca de latón. A parte superior consta dunha boquilla para encher o depósito con peche de rosca, un parafuso cun resorte no centro xeométrico do corpo superior que activa un mecanismo de regulación da intensidade lumínica e un pequeno tubo que actúa de espita de saída da chama. Para o transporte leva unha asa xiratoria na que se axusta un gancho para penduralo. Polo exterior vai pintado de cor negra que o preserva contra a acción da ferruxe e da corrosión.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Candil de gas
Especie de lámpada portátil de gas que consta dun depósito para o combustible na parte superior formado por un tronco de cono invertido que dispón dun burato no centro que serve tanto para enchelo como para termar e axustar a mecha ou torcida. Esta parte vai elevada do chan por un fuste cilíndrico soldado tanto á base do cono superior coma ao tronco de cono inferior que actúa de base. Para baixar o centro de gravidade da inestable estrutura da lámpada, a forma inferior encheuse con terra ou area facéndoa máis pesada. Dispón dunha asa disposta verticalmente na parte superior soldada nun lateral do cono e no fuste, coa finalidade de transportalo a xeito de lanterna ou farol.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Candil de gasolina (Petromás)
Lámpada portátil de gasolina formada por un depósito de forma cilíndrica con dúas bocas, unha para botar a gasolina e outra cun émbolo para comprimir o combustible. Sobre este vai o queimador cun regulador para a saída da gasolina e regulamento do consumo e da chama que dá a luz. Esta parte atópase protexida, por unha peza de cristal de forma máis ou menos fusiforme, das inclemencias metereolóxicas. Enriba, unha capota de porcelana de cor verde que, ao tempo que suxeita o cristal, serve para recoller os fumes da combustión e espallalos arredor. Así mesmo leva unha ampla asa semicircular para pendurala ou transportala.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Candil de saín
Lámpada portátil de aceite de sardiña ou graxa de saín ou porco composta dun recipiente abarquiñado en forma de cunco para conter o combustible e un bico curto (2 cm) para poñer a torcida pola parte dianteira e pola posterior unha peza espetada perpendicularmente a xeito de mastro, posiblemente para pendurar.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Farol
Caixa feita de folla de lata coas paredes de vidro e unha portiña con peche e enganche de presión feito con dous anacos de lata de superficie triangular revirados sobre si mesmos e soldados á estrutura. Consta dun anel que arrodea toda a estrutura, feito tamén de lata, como protección contra os eventuais golpes e roturas do vidro. A súa parte superior remata nunha peza en forma de pirámide, truncada polo seu vértice, deixando unha abertura para evacuar o fume da combustión. Sobre esta engánchase unha peza que soporta un pequeno teito circular e empenado que dispersa os fumes. Remata nunha asa circular. No seu interior atópase un candil de gas de forma troncocónica rematado nunha tapa na que se insire a mecha ou torcida. Este candil suxeitase á base do farol cun espigón que sae da base do candil e se introduce nunha pequena regaña na base mesma do farol. A cheminea en forma de pirámide truncada leva unhas regañas en forma de media circunferencia que teñen como finalidade a provisión de aire para a combustión da chama.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Lámpada de carburo
Lámpada portátil de carburo formada por tres pezas principais: unha base soldada á peza superior (depósito) en forma de pera invertida composta de dúas pezas ensambladas na parte máis prominente. Esta parte engárzase por medio dunha rosca á peza superior que consta de tres elementos, unha biqueira para encher o depósito de combustible, unha rodiña para regular a combustión e saída da chama e unha espita de saída da mesma, colocada perpendicularmente no centro superior do enxeño; esta leva un sistema de roscas que posiblemente denota a existencia dun protector de vidro para a chama que non se conserva.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Quinqué
Lámpada formada por un depósito de folla de latón para o combustible en forma de pera invertida con fuste de latón macizo, torneado e soldado á base do depósito, e un pé de base octogonal unido por medio dunha rosca e parafuso. Á parte superior encáixaselle un queimador tamén de latón por medio dunha rosca, no que se introduce a mecha. A intensidade lumínica regúlase cunha rodiña que fai subir e baixar a mecha. Está decorada a parte metálica con corazóns invertidos e motivos xeométricos perforados na estrutura do queimador que, ao mesmo tempo, teñen a utilidade funcional de subministrar o aire preciso para a combustión. En orixe levaba un tubo de vidro fusiforme para protexer a chama, que hoxe non se conserva.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

Velón
Lámpada metálica (latón fundido) de aceite con tres bicos ou mecheiros e un eixe central que pode subir ou baixar. Consta dun eixe cilíndrico vertical encaixado nun pé circular con elevación central; unha pequena palmatoria e un depósito para o aceite con tres bicos, móbil ao longo do eixe vertical e tapado por unha peza axustada en forma de pagode.
Utilización: Uso doméstico para iluminación.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

 

V. Limpeza e mantemento

Máquina de coser de man
Trebello de xastres e costureiras que consta de dous ordes de pezas: primeiro a base de madeira, de forma rectangular (47,5 x 25 cm) que serve de soporte á máquina introducíndoa nun oco disposto ao efecto; segundo, a máquina mesma, que consta dunha plataforma de ferro, tamén rectangular, que se encaixa nun oco das mesmas dimensións previsto na base. Sobre esta vai unha peza en forma de «L» que apoia na plataforma polo brazo máis curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo e ergueito da superficie. Neste articúlanse diferentes mecanismos que imprimen ás agullas de coser un movemento ascendente-descendente proporcionado manualmente por medio dunha roda radiada, paralela e vertical ao brazo curto, cunha manivela xiratoria e pregable arredor dun puño de madeira axustado nun extremo dela.
Utilización: Emprégase para coser roupa e pezas pequenas de panos. Polo seu deseño e construción é móbil e transportable, axustándose ao tipo de traballo específico das costureiras, de carácter máis nómade có dos xastres.

Ferro de pasar
Utensilio de ferro coa base lisa e pulida, de forma triangular cos lados maiores lixeiramente convexos. Dispón dunha asa cilíndrica de ferro horizontalmente disposta, suxeita á base metálica por dúas láminas, tamén de ferro, soldadas á mesma e dispostas perpendicularmente á base do instrumento.
Utilización: Utensilio que serve para eliminar as engurras dos tecidos por acción do peso do instrumento e a aplicación de calor localizado.

Ferro de pasar
Utensilio de ferro coa base lisa de forma triangular cos lados maiores lixeiramente convexos. Esta parte forma un corpo ou recipiente cunha abertura na parte posterior tapada cunha trapela (hoxe só se conserva o gonzo e unha pequena latiña) por onde toma o aire para a combustión das ascuas e brasas vivas que se introducen no interior pola parte superior. Este corpo, aberto por riba, tápase cunha fina prancha da mesma figura e material có corpo inferior; consta dunha asa de madeira horizontalmente disposta e suxeita á tapa por dúas láminas, tamén de ferro, soldadas á mesma e dispostas perpendicularmente á base. Na parte dianteira deste corpo leva un conduto para a saída de fumes, de sección triangular a xeito de cheminea coa boca circular e ladeada. Toda esta parte xoga nunha bisagra no lado menor da peza triangular e asegúrase por diante cunha panca xiratoria que move unha lingua na parte interna axustando nun pasador do ángulo dianteiro.
Utilización: Utensilio que serve para eliminar as engurras dos tecidos por acción do peso do instrumento e aplicación de calor localizado.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

 

VI. Pechos e chaves

Chaves
Utensilio metálico, de ferro, composto fundamentalmente por tres partes: ollo, hastil e paletó. O primeiro, de forma oval, serve como empuñadura do instrumento e permite facer xirar o hastil (barriña que media entre o ollo e o paletó, cilíndrica e alongada con tres aros a xeito de toros xusto na unión co ollo) xunto co paletó, parte do utensilio de forma rectangular e plana con cinco entalladuras a xeito de dentes de serra na que se forman as gardas (ocos ou rodapranchas) por onde pasa o rodete da pechadura deixando xirar o instrumento e correr a/as lingüeta/s de seguranza do pecho.
Utilización: Emprégase para facer correr as lingüetas das pechaduras para abrilas ou pechalas, xeralmente as das portas de entrada dos patios nas casas rurais.

Pechadura
Peza de ferro composta por unha placa cuadrangular na que se dispón unha caixa cadrada por un lado e circular por outro que contén un mecanismo de resortes que por medio dunha chave fai mover unha lingüeta que se introduce nun buraco ao efecto no batente das portas.
Utilización: Emprégase como mecanismo para pechar portas do exterior dos edificios.

Petador
Peza metálica composta por unha prancha de ferro de formas xeométricas. Dispón na parte inferior dun taco de ferro forxado para recibir os golpes do petador, peza esta tamén de ferro forxado con forma de «S» e con decoracións xeométricas. Dispón o instrumento dunha barra de ferro que perfora a sección da porta para aseguralo cunha rosca para inutilizar o movemento do petador ou mesmo para resgardalo de posibles roubos.
Utilización: Úsase para petar e chamar nas portas de entrada das casas.

Petador e picaporte
Consiste nunha panca ou pasador de ferro, longo e ancho, que vai pola parte interna da porta e se fai xirar arriba e abaixo desde fóra por medio dunha manicela piriforme a través dun eixe que move o pasador. Entre esta e a aldraba leva unha prancha decorativa de ferro (espello) que se aplica pola parte exterior. Ten formas arbitrarias de carácter xeométrico. Este leva un anaco cuadrangular de ferro forxado aplicado na parte inferior do espello contra o que se bate a manicela, articulada nun eixe de xeito que actúa ao mesmo tempo de pica-porte ou petador.
Utilización: Peza que se aplica nas portas e serve como pecho ao tempo de petador ou chamador.

Tranca (Ferrollo)
Dispositivo de seguridade que consta dunha barra de ferro longa e forte (pasador) que se coloca transversalmente sobre a superficie dunha porta suxeitada cunhas argolas nas que xira e se despraza horizontalmente. Dispón dunha manicela de ferro con pomo do mesmo material cunha argola no extremo inferior para introducir na regaña da pechadura.
Utilización: Emprégase para asegurar portas de grandes dimensións e peso polo exterior coma se dunha pechadura se tratase.

 

A ADEGA | A COCIÑA | O DORMITORIO | ILUMINACIÓN | LIMPEZA E MANTEMENTO | PECHOS E CHAVES

 

A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

 

Noticias

Novidades da Trabe