A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS

 

OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 Nesta sección poderá atopar pezas que se utilizaban para a preparación da terra, o cultivo dos cereais, os trebellos cos que se cortaba a herba, o toxo, a videira, os diferentes medios de transporte para a carrexa e outros traballos agrícolas

 

I. Preparacion da terra

Aixada (Sacho)
Ferramenta agrícola formada por unha lamia de ferro en forma de pa colocada perpendicularmente nun dos cabos do mango cun ollo ou buraco que leva a peza de ferro. Na parte posterior dispón dun ferro gallado para escaravellar as malas herbas. Esta peza non dispón de mango.
Utilización: Serve para escavar terra sementada e do mesmo xeito pola parte posterior e máis estilizada faise a laboura máis coidadosa de eliminar as herbas malas sen mover grandes masas de terra. Ten ademais outras moitas aplicacións no agro.

Legón
Ferramenta composta por unha peza de ferro cun buraco no seu centro do que saen por un lado unha lámina longa e estreita cun corte no extremo, en disposición horizontal, e polo outro a mesma disposición pero en sentido vertical. Vai axustada esta peza nun mango de madeira colocado perpendicularmente no oco central.
Utilización: Ten moitos usos na agricultura, minería, etc.; nas labouras agrícolas emprégase para cavar terras moi duras (onde o arado non serve) para adecualas ás tarefas de cultivo.

Raño (Picaña)
Ferramenta de labranza composta por dous dentes de ferro fortes con forma lixeiramente curvada, mangados perpendicularmente nun pau longo que se incrusta nun buraco do seu centro.
Utilización: Para labrar e cavar as terras duras, arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso que se axeite ao uso común.

Rodo (Trollo)
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa en forma de táboa rectangular cos lados menores redondeados, sendo máis groso pola unión co mango de madeira e máis fino e en forma de punta pola zona de arrastre. A táboa ten unha lixeira concavidade en toda a súa extensión lonxitudinal para evitar o derrame lateral do contido recollido e arrastrado. crusta nun buraco do seu centro.
Utilización: Emprégase para labrar e cavar as terras duras, arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso que se axeite ao uso común.

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

II. O cultivo dos cereais

Arado de veso
Instrumento agrícola feito de ferro; consta de dúas rabelas de ferro con empuñaduras de madeira, con veso, rella móbil suxeita por unha panca de ferro que vai dar no centro das dúas rabelas. O temón de ferro disposto de xeito horizontal ao chan, leva na parte dianteira unha rodela do mesmo material (27 cm diámetro) con catro círculos inscritos a modo de radios, de altura variable segundo o tipo de rotación e terreo para arar. No extremo do temón de ferro leva un gancho para axustarlle un tiro de cadea, para xunguir unha parella de animais, regulable en altura o mesmo cá roda para profundar máis ou menos no terreo.
Utilización: Instrumento que se emprega para abrir regos na terra, labrándoa ao mesmo tempo que desenraíza as herbas malas co fin de acondicionala para a semente.

Arado tipo «romano»
Instrumento agrícola feito de madeira; consta dunha peza angular que se colle coa man por un dos lados (rabiza) mentres que o outro (rostro) vai paralelo ao chan e leva na punta un dente ou rella de ferro de forma cónica; detrás da rella atópanse dúas pezas diverxentes no mesmo plano có rostro (abeacas) sostidas por unha travesa (amexelo). Da base da rabiza, preto do ángulo de unión co rostro, sae o temón, peza que non se conserva enteira, só o comezo, que serve para xunguir unha parella de tiro. O temón asegúrase á rabiza por medio dunha ensamblaxe que o cingue á encarna na que entra. Entre o temón e o rostro atópase unha travesa de madeira (teeiro) disposta verticalmente e que encaixa nos dous e serve para reforzar o conxunto.
Utilización: Emprégase para abrir regos na terra, labrándoa ao mesmo tempo que desenraíza as herbas malas co fin de acondicionala para o período de semente.

Arado tipo «Braban»
Instrumento agrícola feito totalmente de ferro; consta de dúas rodas de ferro (50 cm. de diámetro) con sete radios e dobre rella de ferro, de veso, reversible e xiratoria por medio dun mecanismo con resorte disposto no corpo central e accionado por unha panca na traseira do instrumento. Diante delas e no mesmo corpo do arado leva dúas coitelas de ferro (seitas) para facilitar a cava da rella. As rellas (vesos) pódense regular en altura, de xeito que poida cambiar o ángulo de incidencia da rella de ferro na terra acadando maior profundidade de cava. No extremo dianteiro leva unha abertura con cinco buracos onde se encaixa un tiro de cadea para xunguir ata cinco xugadas de vacas.
Utilización: Para abrir regos na terra labrándoa ao mesmo tempo que desenraíza as herbas malas co fin de acondicionala para a época da sementeira.

Grade
Bastidor de madeira formado por travesas (chanzos) nas que se atopan dentes de ferro en forma de paletas, postos de tal xeito que ningún deles pase polo mesmo risco que o anterior ao pórse en movemento o artefacto. A travesa dianteira ten dúas argolas nas que se enganchan unhas cadeas ou cordas que van dar ao xugo do gando.
Utilización: Emprégase para achaiar a terra, desfacendo os sucos que labrou o arado, para preparala para a sementeira.

Cabazo (Corno da pedra)
Recipiente de materia ósea dun apéndice cornúpeta de vaca ou boi de sección ovoide irregular. A súa base péchase cunha prancha de madeira da mesma sección. Na beira superior leva un gancho de arame para penduralo do cinto.
Utilización: Recipiente de corno onde se garda a pedra de afiar a gadaña e outras ferramentas durante o traballo para tela a man. A miúdo pónselle unha pouca herba para gardar a auga e evitar os golpes que se producen co movemento.

Colmeiro
Ferramenta agrícola formada por tres gallas de ferro curvadas cara a arriba na base e outra galla que cobre, das mesmas dimensións e lixeiramente curvada para abaixo. Consta tamén dun tubo oco disposto lonxitudinalmente no extremo oposto ás puntas para introducir o mango de madeira (esta peza non dispón de mango) suxeitándose a presión ou cun parafuso disposto transversalmente ao sentido lonxitudinal do mango.
Utilización: Xeralmente emprégase para cargar a palla ou a herba, estrume e outros materiais semellantes.

Forquita (Galleta)
Ferramenta agrícola formada por tres gallas de ferro cun tubo oco no extremo oposto ás puntas para introducir o mango de madeira suxeitado a presión ou cun parafuso, disposto transversalmente ao sentido lonxitudinal do mango a través dun buraco disposto para o caso.
Utilización: Ten moitos e diversos usos na agricultura: estender e virar a herba, estercar, cargar palla e outros usos semellantes.

Fouciña da sega
Ferramenta formada por un mango de madeira ao que vai suxeita unha ampla folla curva de ferro, en forma de punta e afiada pola cara interna.
Utilización: Emprégase para segar os cereais (trigo, centeo...); dependendo das dimensións e uso acumulado pódese dedicar a outros usos agrícolas.

Angazo (Anciño)
Instrumento agrícola en forma de peite, travesa provista de catorce dentes ou pugas de ferro cunha boca cilíndrica e oca para introducir un mango de madeira. Os dentes teñen unha forma lixeiramente curvada para facilitar o enganche e arrastre.
Utilización: Emprégase para xuntar (angazar) palla, herba, estrume, arrincar o esterco miúdo que queda ao final do curral, etc.

Forquita (Galleta)
Ferramenta agrícola formada por dúas gallas de ferro cun tubo oco no extremo oposto ás puntas para introducir o mango de madeira suxeitado a presión ou cun parafuso disposto transversalmente ao sentido lonxitudinal do mango a través dun buraco disposto para o caso.
Utilización: Ten moitos e variados usos na agricultura: estender e virar a herba, estender esterco nas leiras, cargar e transportar diferentes pesos, etc.

Limpadora (Mecanismo)
Máquina feita de madeira, aceiro e ferro que consiste nunha gran caixa de madeira con diferentes elementos: por riba unha gran entrada feita con paneis móbiles de madeira dispostos en forma de funil por onde se introduce o gran sen limpar. Esta mestura vai caendo por unha fenda disposta para tal efecto. Nun lateral, no extremo do aparello, leva unha manivela que fai xirar unha engrenaxe con cinco pas de lámina de ferro que, por efecto da rotación, crea unha corrente de aire levando o cisco e a palla relada cara a adiante, caendo o gran, máis pesado, nunha canle de baleirado onde se recolle ao final dela. Diante das aspas leva un sistema de tres pranchas móbiles e superpostas con diferentes tramas de arame (cribos) que, polo movemento de vaivén transmitido pola engrenaxe á que van unidas, criban e coan o gran restante do cisco e palla; esta, polo efecto do vaivén, vai correndo polos cribos ata caer por unhas canles no extremo oposto da máquina, mentres que o gran, de maior peso e menor diámetro, se coa ata caer nun depósito no interior do enxeño. O proceso de cribado faise con pranchas de arame de diferentes tramas segundo o tipo de cereal a mallar (trigo, centeo, avea, cebada...)..
Utilización: Emprégase para limpar o gran das espigas, cisco e arganas antes de ensilalo, xa sexa trigo, centeo, avea e cebada.

Malladora (Mecanismo)
Aparello feito de madeira e metal (ferro e cinc) composto de dúas partes básicas: a maquinaria e o rodado. Forman o primeiro unha armadura de madeira de forma paralelepípeda (1,93 x 1,65 x 0,75 m) forrada con paredes de chapa de cinc polo exterior. Enriba leva unha plataforma de madeira, móbil, suxeitada por un xogo de bisagras dispoñéndose horizontalmente para o traballo, onde se colocan os mollos de froito para a malla que logo se introducen por unha abertura lonxitudinal no tambor (estrutura cuberta cunha bóveda de metal de 1/4 de canón). No interior e baixo esta abertura leva un cilindro metálico da mesma lonxitude có aparello, con bandas dentadas pegadas na superficie e equidistantes unhas doutras, conxunto este que xira nun eixe, movido por unha polea e un motor, que forma peza á parte desta, co fin de separar o gran da palla (debullo). Despois deste a palla expúlsase cara ao exterior, pola mesma acción de rotación do cilindro, por unha porta disposta ao longo da parede oposta e o gran cae, a través dun entramado de arames que rodean o cilindro, na base interna da estrutura de madeira recolléndose a posteriori cun pequeno rodo. O rodado fórmano o eixe e as rodas, conformando un todo ríxido, xa que as rodas xiran xuntamente co eixe. Este é unha peza de madeira, longa e grosa, tallada de xeito octogonal e encaixada nunhas entalladuras (treitoeiras); remata en dous espigos prismáticos (ampenlas) para meter nos buratos centrais das rodas. A roda, maciza, consta de tres pezas; unha central (mión) e dúas laterais (cambas). Van reforzadas con ferro: derredor, no canto, dispoñen dun aro de ferro (lamión) feito en dúas seccións e suxeito con grandes cravos sobresaíndo da circunferencia. As pezas de madeira van suxeitas e reforzadas con cinchas de ferro de diferentes lonxitudes.
Utilización: Aparello empregado para mallar cereais (separar o gran da palla).

Malladora (Motor)
Aparello composto por dúas partes fundamentais: o motor e o rodado. A primeira é un motor diésel de dous tempos da marca «Lister» con dúas rodas laterais: unha para arrincalo, para o que dispón dunha manivela e a outra no extremo oposto, dispondo dun cilindro que sobresae dela e no que axusta a correa (polea) que proporciona o movemento necesario ao mecanismo da malladora propiamente dita. Nun lateral do motor e sobreelevado do resto da maquinaria, leva un aparatoso radiador, non orixinal, senón peza reutilizada doutro vehículo da época (contra 1930). O rodado fórmano o eixe e as rodas, conformando un todo ríxido, xa que as rodas xiran xuntamente co eixe. Este é unha peza de madeira, longa e grosa, tallada de xeito octogonal e encaixada nunhas entalladuras (treitoeiras); remata en dous espigos prismáticos (ampenlas) para meter nos buratos centrais das rodas. A roda, maciza, consta de tres pezas; unha central (mión) e dúas laterais (cambas). Van reforzadas con ferro derredor, no canto un aro de ferro (lamión) feito en dúas seccións e suxeito con grandes cravos sobresaíndo da circunferencia. As pezas de madeira van suxeitas e reforzadas con cinchas de ferro de diferentes lonxitudes.
Utilización: Aparello empregado para mallar cereais (separar o gran da palla).

Mallo
Utensilio agrícola composto por dous paus, un longo (1,28 m) a moca ou mangueira, e outro curto (0,88 m), a pértega, articulados entre si por medio de dúas pezas de coiro, as casulas, chamada cidoiro a da pértega e carrachola a da mangueira, cosidas con amallós tamén de coiro cru formando nos extremos da mangueira e da pértega unha especie de asas. Entre estas métese o vincallo de coiro (xunguideira) para unir as dúas pezas, moca e pértega, formando o mallo.
Utilización:Emprégase para bater os cereais segados e secos separando deste xeito o gran da palla, operación que facían na eira unha fileira de homes.

Medida (1/2 e 1/4)
Unidade de medida feita cun cilindro de madeira afondado máis por un extremo (9 cm) ca polo outro (5 cm), tendo o primeiro 9,5 cm de diámetro por 9 cm o segundo. Leva na parte central da parede do cilindro un pomo de madeira torneado que serve para sostelo e viralo.
Utilización: Emprégase como unidade de medida para áridos (cereais), medio quilo o máis fondo e cuarto quilo o menos.

Rodo (Trollo)
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa de madeira en forma de táboa rectangular, sendo máis groso pola unión co mango de madeira e máis fino e aguzado pola zona de arrastre. A táboa ten unha lixeira concavidade en toda a súa extensión pechándose nos extremos para evitar o derrame lateral do contido recollido.
Utilización: Ten dous usos principais na agricultura; primeiro, e como uso principal, durante a malla dos cereais para axuntar o gran ou fariña; en segundo lugar, para axuntar as brasas e limpar o chan do forno para cocer o pan.

Romana
Balanza portátil composta por unha panca de brazos moi desiguais cun fiel (agulla que se pon vertical cando hai perfecta igualdade nos pesos comparados) sobre o punto de apoio. O corpo que se vai pesar colócase no extremo do brazo menor nun gancho, e equilíbrase cun peso constante que se fai correr sobre o brazo maior onde está trazada a escala de medición dos pesos.
Utilización: Instrumento que serve para calcular pesos en xeral e ten moi diversos usos na casa rural galega, pesar patacas, centeo, etc., xeralmente para a venda.

Tega (Ferrado)
Trebello feito de madeira con figura naviforme. Na súa parte traseira leva unha asa para o transporte e na dianteira o plano está inclinado uns corenta e cinco graos para facilitar o baleirado do contido.
Utilización: Emprégase para medir a capacidade para grans, legumes e outros froitos secos, centeo, trigo, millo, etc., cando se vendía ou cando se ía á sementeira.

Temón
Peza de madeira, cilíndrica na súa maior parte; o terzo traseiro está labrado de xeito cuadrangular para axustarse ao oco e espazo preparado na base da máquina de mallar (malladora) coa finalidade de carrexala e transportala. O extremo dianteiro está furado cun burato transversal no que entra unha peza cilíndrica de ferro a modo de chavella fixa; diante desta dúas pezas de madeira cravadas deixando un oco para axustar o xugo co temoeiro.
Utilización: Emprégase para transportar a máquina de mallar asentada nunha armadura coma se de un carro fose, xunguindo a el unha parella de tiro.

Torgo (Torga)
Verga ou vergallo de madeira retorcido de xeito lacriforme e cravadas as puntas libres en aspa. Dispón dunha canle rusticamente traballada polo perímetro exterior por onde corre o fío da atume.
Utilización: Emprégase para atar e transportar feixes e mollos de palla, herba, etc., evitando deste xeito o rozamento coas mans.

Zaranda
Instrumento agrícola feito de madeira e composto por unha base de tres táboas ensambladas en forma de trapecio isóscele flanqueado nos lados non paralelos e no lado paralelo menor por táboas dispostas verticalmente a xeito de caixa. Nos laterais dos lados diagonais leva dúas asas para imprimirlle ao instrumento un movemento de vaivén.
Utilización: Emprégase despois da malla para quitar o cisco, arganas, abixarda, puxa e outros residuos que leva o gran, por un procedemento de vaivén e aventamento, antes de entullalo.

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

III. A Herba

Angazo (Anciño)
Instrumento agrícola que consiste nunha travesa (empeine) provista de dentes rectos a xeito de peite cun mango longo, todo el feito de madeira.
Utilización: Emprégase para xuntar por arrastre (angazar) herba, palla, estrume, ou para meter o esterco no rego o día da sementeira das patacas, angazar o cisco na eira, os zarazos nos lameiros, etc.

Galleto
Ferramenta agrícola de madeira feita dunha póla delgada e resistente, cun mango longo rematado en dúas gallas formando unha figura de V.
Utilización: Emprégase para estender e virar a herba seca despois da sega co obxecto de secala ao sol.

Gadaña
Ferramenta agrícola formada por unha folla ou coitela de aceiro, ancha, curva, e de sección decrecente cara á punta, mangada cun pau longo de sección poligonal que forma ángulo con ela e se manexa coas dúas mans. Esta parte de madeira dispón dun puño curto e curvado perpendicularmente disposto a unha altura de 2/3 do mango, estando o terzo superior liso, sobresaíndo de xeito cilíndrico do conxunto poligonal do mango, que por si mesmo actúa de mango para a outra man.
Utilización: Emprégase para segar a herba a rentes da terra aínda que tamén se empregou en tempos anteriores para outros menesteres coma segar o trigo e o centeo.

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

IV. O Toxo

Trilla
Aparello formado por un mango longo e cilíndrico de madeira ao que se lle axusta unha peza de madeira moito máis ancha e pesada (mazo) que leva incrustada no extremo unha peza de ferro en forma de machado, afiado polo extremo saínte e axustado á peza de madeira por un arame que actúa de mordaza.
Utilización: Emprégase para picar o toxo en pías especiais de madeira para convertelo en penso e alimento para o gando polo seu gran valor nutritivo.

Fouce
Ferramenta cortante formada por un mango curto de madeira ao que vai suxeita unha folla de ferro curva, ancha e alongada, co gume pola parte interna.
Utilización: Emprégase para segar e máis xeralmente para rozar (toxos, silvas, etc.).

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

V. A Videira

Poda (Podón)
Instrumento cortante formado por unha folla de ferro ancha coa punta curva e afiada pola parte interna. Leva na base un espigón para incrustarlle un mango de madeira.
Utilización: Emprégase para podar as videiras e as árbores en xeral para favorecer a súa medra.

Xofradeira
Instrumento feito con dúas tapas de madeira (de castiñeiro) de forma lanceolada cun pequeno mango en cada unha delas, unidas a unha peza de coiro flexible cravada no canto das tapas. Na punta leva un cano de ferro en forma de boca de trabuco cunha malla ou rede de arame por onde se bota e dispersa o xofre ou sulfato.
Utilización: Emprégase para sulfatar os diversos cultivos (vides, patacas, etc.) para preservalos de determinadas pragas, botando o veleno en po directamente sobre as pólas.

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

VI. A Carrexa e o Transporte

Carro
Consta de dúas partes básicas na súa construción: o chedeiro e o rodado. Forman o primeiro a mesa do carro coa cabezalla, e o segundo o eixe e as rodas. O chedeiro consiste nunha grade formada por dous largueiros (chedas) dobradas pola parte dianteira, xuntando e prolongándose cara a adiante formando a cabezalla, todo nunha soa peza. Estes tres elementos consolídanse por medio de cinco travesas (cadeas), tamén de madeira, que apertan unha cheda contra outra. As chedas coas cadeas correspondentes forman a grade, que vai cuberta con táboas formando un piso (sollado). As chedas refórzanse de xeito suplementario cun pasador de ferro na parte traseira. O chedeiro, por baixo, leva dous víos de madeira e dous de ferro para atar neles o adival e axustar a carga. A cabezalla ten unha entalladura no extremo dianteiro (gargal) que serve para unilo o mesmo ca unha fura (chavelleira) onde se mete un pau atravesado horizontalmente (chavellón) para o mesmo fin. As chedas levan cada unha catro furas onde se axustan outros tantos estadullos ou fungueiros, estacas de madeira que rematan en punta, que se empregan tanto para suxeitar a carga ou engarzar os ladrais. Por baixo de cada cheda van dous paus paralelos a elas e nos que, por medio dunha rebaixa, apoia o eixe; esta peza é o croucó. Diante e detrás da rebaixa van as apeladoiras ou treitoeiras, pezas de madeira aseguradas con pescuños, destinadas a conter o eixe; por diante levan un sufinque (retrouso) para darlles máis seguridade. As apeladoiras, segundo se van rozando e gastando, pódense apertar por medio dos pescuños. O rodado fórmano o eixe e as rodas; forman un todo ríxido, xa que as rodas xiran xuntamente co eixe. Este é unha peza de madeira longa e grosa tallada de xeito octogonal con dúas canles preto dos extremos (luidoiros ou corredoiros) que encaixan entre as treitoeiras; remata en dous espigos prismáticos (ampenlas) para meter nos buratos das rodas. O eixe leva catro fendas lonxitudinais (padeados) que actúan como caixa de resonancia para que o carro «cante mellor». A roda consta de tres pezas: unha central (mión) e dúas laterais (cambas) ensambladas ao mión por medio de catro travesas interiores (relleiras); as cambas levan un corte na parte interna en forma de media lúa (galga ou ceo). As rodas van reforzadas con ferro; darredor dela, no canto, levan un aro (llanta ou lamión) feito en dúas seccións e suxeito con grandes cravos; tamén preto da circunferencia máxima leva outros reforzos postos de plano en dúas seccións (gardamontes) e cinchas de diferentes lonxitudes como reforzo da parte interna da roda (cambas e mión). No centro da roda hai un burato cadrado (ulló) no que entra a ampenla do eixe asegurándoa con tillas de ferro (polgares).
Utilización: Emprégase para transportar diversos tipos de carga nos traballos agrícolas (patacas, esterco, cereais...).

Chavella
Pasador de madeira formado por unha peza rectangular de madeira cunha cabeza pronunciada, tallada toda a peza nun mesmo anaco de madeira, rusticamente labrada.
Utilización: Emprégase para amarrar e suxeitar o temón do arado ou cabezalla do carro ao xugo prendendo deste xeito os animais precisos para proporcionar o tiro.

Ferradura
Peza de ferro en forma de semicírculo semellante á pegada dun pé; na parte curva leva catro furados cadrados para os cravos de ancoraxe e na parte do diámetro unha prolongación en altura destinada a entrar por entre as unllas do animal e ser domeada e axustada por riba delas.
Utilización: Colócanse nos pezuños dos bois e vacas para protexelos do desgaste polo rozamento co chan.

Ladral (Ladrairo)
Táboa longa e curvada que se dispón vertical e lonxitudinalmente nos laterais das chedas dos carros por entre os estadullos ou fungueiros.
Utilización: É peza fundamental do carro cando se leva carga de difícil contención polo seu volume e consistencia (patacas, gran, etc.).

Mulida
Pelico que se pon sobre a cabeza dos bois e vacas. Consta de dúas pezas básicas: unha almofada de coiro e lenzo rechea de palla ou borra con forma axeitada á cabeza con cornos dos animais, cunhas xunturas de coiro cosidas por baixo e por riba. Sobre esta vai a cuberta feita con pel de can, do que aínda conserva as extremidades coas unllas e o pelo; vai suxeita na parte posterior con tiras de coiro que a fixan á traseira da pelica e dá a volta por riba do xugo suxeitándose diante por unhas finas correas que serven para atala; serve fundamentalmente para tapar as sogas de coiro e preservalas da chuvia e do sol. As cubertas van decoradas con reberetes de coiro, diferentes tipos de costuras e cosidos, cravos de cabeza ancha e chata de cor dourado, e incisións e repuxados no coiro de estilizacións vexetais (rosáceas de catro puntas) ademais de letras iniciais co fondo incrustado de material sintético (plástico) de cores vermella e negra.
Utilización: Emprégase como amortecedor, para as vacas e bois, do rozamento do xugo e do peso da carga que transportan no carro e noutros aveños de labranza.

Roda de carro
Consta de tres pezas de madeira, unha central (mión) e dúas laterais (cambas), ensambladas directamente na central. As cambas teñen un corte na parte interna, que forma co mión un oco, en figura de media lúa (escabo, galga ou ceo). Van reforzadas con ferro; darredor dela, no canto, vai un aro (lamia ou lamión) feito en dúas seccións e suxeitos con grandes cravos sobresaíndo da superficie. Toda ela está conformada con grandes entrantes e saíntes para proporcionarlle maior adherencia e agarre ao chan. O mión ten dúas abrazadeiras (gatos) preto do furado central e, unindo as cambas ao mión, dous aros de ferro superpostos en altura que percorren toda a circunferencia da roda. No centro desta ten un burato rectangular (ulló) no que entra a ampenla do eixe.
Utilización: É un elemento constitutivo do carro e forma conxunto (rodado) co eixe. Dentro da gran variedade de rodas documentadas, e sen saírmos do esquema xeral, responden estas a un tipo adaptado ao terreo e climatoloxía das terras altas de montaña; tanto polo robusto da construción coma polo tipo de lamia, axeitada para o agarre incluso sobre terreos nevados e con xeo.

Sogas, par de
Tiras de coiro longas, estreitas e flexibles, de ancho decrecente, que se suxeitan ao xugo por unha fenda alongada por onde entran os extremos das correas que logo se amarran aos cornos dos animais de tiro pasando en cada volta por entre os castelares do xugo. Fórmanse pola superposición de varias tiras máis curtas remachándose unha sobre a outra ata formaren a lonxitude total.
Utilización: Serven para amarrar o xugo aos cornos dos animais de tiro nos carros, grades, arados, etc.

Soliño
Peza de madeira de sección cuadrangular coa parte traseira furada lonxitudinalmente e atravesada por un eixe cilíndrico de ferro. Na parte dianteira está furada transversalmente para introducir unha chavella de madeira fixada cunha cuña de ferro para proporcionar suxeición ás soles (segunda xugada de vacas).
Utilización: Emprégase para xuntar unha segunda xugada de vacas por medio de cadeas ou cordas ao carro, arado ou grade.

Temoeiro
Especie de loro feito dun anaco longo e estreito de coiro dobrado lonxitudinalmente pola metade para lle dar maior fortaleza e consistencia. Nun dos extremos leva unha fenda alongada para suxeitar o extremo oposto despois de amarrado.
Utilización:

Serve para unir a xugada (xugo) ao carro, arado, grada, etc.

Temoncela
Peza de madeira máis ou menos cilíndrica, co extremo traseiro furado por un oco gornecido con dúas ferraduras. O extremo dianteiro atópase furado con dous ocos, un vertical e outro transversal, no que entran dúas chavellas de madeira que proporcionan a suxeición para o tiro.
Utilización: Emprégase como segundo temón para xunguir outra parella de animais para o tiro, enganchándose a cada lado da cabezalla do carro cando o peso que hai que transportar é excesivo tanto para o carro coma para unha soa parella de animais.

Xugo de cangas
Instrumento de madeira que se coloca sobre o pescozo dos animais de tiro. Consta dunha peza central, ancha e forte, da que saen dúas prolongacións de xeito semicircular, forma apropiada para apoiar no pescozo. Remata nos extremos en dúas molduras tamén semicirculares. Todas estas pezas forman un conxunto labrado no mesmo anaco de madeira. Leva dúas varas paralelas dispostas en senso vertical (chancís ou cangallas) que pasan aos lados de cada animal entrando de abaixo a arriba pasando por uns buratos e suxeitándose á estrutura central con pasadores de madeira (espichas). Os chancís están lixeiramente curvados de xeito perpendicular cara a adiante. Na parte central e superior presenta un saínte de madeira, modelado na propia estrutura (castelar) en forma de flor heráldica de lis. Todo o instrumento vai reforzado cunhas láminas de ferro incrustadas na madeira percorrendo a estrutura básica.
Utilización: Emprégase para xunguir ao carro ou a calquera outro aveño de labranza unha parella de animais polo pescozo levando a cabeza solta.

Xugo de mulida
Instrumento feito de madeira que se coloca sobre a cabeza dos animais de tiro. Consta dunha trabe, pau forte e ancho que se dispón horizontalmente para xunguir e apoiar na cabeza de cada res. En cada extremo superior leva unha serie de saíntes (castelares) por entre os que pasan correas de coiro que o amarran aos cornos. Tamén nos extremos, pero pola parte inferior, leva unha especie de pa (cangadoiro) para asentar na mulida (pelica para amorecer o contacto co animal) presentando achaiada a parte que descansa sobre o gando. Na parte superior central presenta tres castelares de idénticas dimensións para unilo á cabezalla do carro, temón do arado ou a calquera outro aveño de labranza xunto co temoeiro (tira de coiro para amarralo). Presenta decoración incisa, de carácter xeométrico e gran estilización (bandas dentadas de formas moi diversas), tanto nos dous castelares centrais coma nas rodas cilíndricas dos extremos.
Utilización: Emprégase para xunguir ao carro ou a calquera outro aveño de labranza unha parella de animais polos cornos.

Angarellas
Armazón de paus que forman dous soportes que, unidos por riba un ao outro con correas de coiro suxeitadas a ámbolos lados por argolas alongadas na estrutura de madeira, quedan un a cada lado do animal, formando ángulo de corenta e cinco graos (despregado) cando levan a carga, pechándose cando van sen ela.
Utilización: Emprégase para a carrexa (de leña, nabos, ferraia, herba...) a lombos dunha besta de carga (burros, mulas, cabalos...) dispostas por enriba do albardón.

Atafal
Faixa de coiro que leva nos seus extremos un conxunto de correas para asegurar á parte posterior da sela de montar ou albarda pasando por baixo do rabo do animal e sobre as ancas da cabalgadura. No centro do aparello leva cosido un aplique de coiro en forma piriforme para axustar outra peza de coiro que suxeita o rabo do animal. Nos extremos leva dúas grandes fibelas que cumpren dúas funcións: unha utilitaria, para axustar a lonxitude do aparello ás dimensións do animal, e outra decorativa, con fibelas de metal prateado, anchas e aparatosas, con decoración xeométrica. Todo o conxunto vai enfeitado con cravos dourados de diferentes dimensións, hoxe deslucidos polo uso e o paso do tempo.
Utilización: Emprégase para suxeitar o aparello e que este non se corra para adiante co movemento do animal.

Cincha
Banda de coiro cosida sobre unha tira de lenzo forte. Dispón de dúas fibelas nos dous extremos para suxeitarse en senllas correas na sela de montar.
Utilización: Emprégase para suxeitar a sela de montar ao lombo do cabalo atándoa por baixo da barriga do animal.

Coleira
Colar composto por dúas ordes de pezas, unhas de madeira, pintada de vermello, que serven como estrutura ríxida, dispostas ao redor dun colar de coiro aberto pola parte inferior e recheo de borra ou palla, de gran volume, para amortecer o rozamento. Consta esta parte de dúas fortes correas e grandes fibelas para termar e suxeitar os temóns laterais. A peza de coiro suxéitase ás guías de madeira a través dunhas correas de coiro finas cosidas á estrutura de coiro do colar e cravadas nos cantos das pezas de madeira. Péchase o aparello pola parte inferior do pescozo do animal con dúas correas con senllas fibelas.
Utilización: Emprégase para xunguir un animal de tiro (cabalo, mula ou burro) a un carro ou aveño de labranza.

Estribo
Peza para montar dacabalo que consiste nun ferro con figura de semicírculo e cunha travesa, entre os extremos del, máis ancha e posta de plano e furada polo medio cun oco rectangular, para pousar o pé. No cume do semicírculo leva unha fenda onde se lles poñían as correas para pendurar da albarda ou sela.
Utilización: Emprégase para que o xinete pouse o pé cando vai dacabalo ou como punto de apoio para montar ou apearse del.

Estribo portugués
Peza en forma dun zapato sen a parte do tacón; o piso está formado por unha táboa máis ancha pola parte traseira e rematada de xeito curvo á que se lle amarra unha parte de coiro que o cobre (empeña) de forma ampla para meter o pé calzado. Abrazando o conxunto leva unha lámina de ferro forrada de coiro e cunha argola tamén de ferro para penduralo dunha correa da sela. Vai decorada con cravos dourados pola unión do coiro coa madeira.
Utilización: Emprégase para que o xinete pouse o pé cando vai dacabalo ou como punto de apoio para montar ou apearse del.

Ferradura
Peza de ferro laminada e forxada en forma de semicírculo prolongado. A prancha (0,5 cm de grosor e 2 cm de anchura) leva catro buracos de forma cadrada e biselados cara ao interior para introducir os cravos de suxeición.
Utilización: Emprégase como protección dos cascos de cabalos, mulas e burros.

Sela de montar
Aparello para montar dacabalo formado por un albardón, especie de albarda máis pequena e estilizada, feita con tea ou enxeu e acolchada, cuns paus polo medio (fueiros) forrados de coiro para darlle consistencia e rixidez á estrutura; sobre este leva unhas pequenas orellas de coiro para asentar a sela e unhas correas con fibelas para unir os estribos e cinchas. Cúbrese esta parte totalmente cunha armadura de coiro un pouco ergueita por diante e cunha forma semellante a un asento con grandes abas laterais colgantes que cobren todo o aparello e serven ao mesmo tempo para non rozar o lombo e costelas do animal. A parte dianteira leva un buraco rectangular para atar nel unha manta para tapar as pernas do xinete cando chove ou vai frío. Está decorada na parte frontal con dous cravos de cabeza ancha de metal dourado. Dúas pezas máis completan a sela: a retranca ou atafal e a cincha. O atafal é un conxunto de correas de coiro que pasan por tras do rabo e impiden que a sela se vaia para diante; a traseira da sela leva aros metálicos para enganchar aparellos semellantes. A cincha é unha banda de coiro cosida sobre unha tira de lenzo forte, suxeita ao albardón pasando arredor da barriga do animal. Leva un sistema de atado composto por dúas fibelas nos dous extremos que se suxeitan con dous pares de correas curtas e fixas no albardón.
Utilización: Asento que se emprega para poñer nas costas do cabalo e sentar o cabaleiro ou xinete con maior comodidade.

Canastra
Cesta redonda, oblonga e flexible feita de esparto coa boca máis ancha cá base e dúas asas laterais para transportar por unha ou dúas persoas.
Utilización: Emprégase para transporte de multitude de obxectos e produtos.

Cesto
Recipiente de configuración naviforme feito de varas de vimbio trenzadas e cun asa semicircular que o divide á metade, cada unha delas cóbrese cunha tapa do mesmo material.
Utilización: Ten moi variados usos no agro galego, como gardar froitas ou ovos, e ademais emprégase como recipiente para transportar comida…

Cesto
Recipiente de configuración oval feito de vergas ou corrizas de madeira de castiñeiro, cunha asa semicircular ancha do mesmo material disposta transversalmente ao sentido lonxitudinal do cesto mesmo.
Utilización: Emprégase para levar roupa, froita…

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

VII. Outros Traballos Agrícolas

Martelo de carabuñar
Ferramenta que consiste nunha peza de ferro con mango de madeira. A peza de ferro consta de dúas partes, unha de xeito cilíndrico coas beiras chafranadas e a outra aplanada co extremo aguzado para bater no gume dunha ferramenta cortante, coma a gadaña.
Utilización: Serve, conxuntamente cunha pequena zafra (ferro de cravuñar), para adelgazar en frío o gume dunha ferramenta cortante, coma a gadaña.

Pedra de afiar
Pedra con forma triangular de cor verdosa, coa superficie rugosa e con moito gran, con capacidade abrasiva sobre os metais.
Utilización: Emprégase para afiar distintos instrumentos cortantes desbastando por fricción o ferro e aceiro e eliminando os boquelos.

Pedra de asentar
Anaco de pedra de forma paralelepípeda irregular, de pouca altura e co gran moi fino e suave.
Utilización: Emprégase para asentar (eliminar as asperezas que quedan despois do afiado) e afinar o gume de distintos instrumentos cortantes.

Zafra de cravuñar
Instrumento en forma de punteiro de sección cuadrangular coa cabeza ancha e cruzado transversalmente por unha peza con figura de «8» que serve como tope ao espetarse no chan.
Utilización: Emprégase, xunto cun martelo axeitado, para cravuñar (afiar instrumentos cortantes en frío) gadañas e fouciñas, batendo no gume ao tempo que se vai pasando por riba do «ferro» espetado no chan.

Manteigueira
Recipiente cilíndrico de madeira, feito con liobas (táboas curvadas) unidas e reforzadas cun aro de ferro na parte traseira, de forma semellante a un barril de pequeno formato, deitado sobre uns soportes transversais de madeira que o levantan do chan. As tempas circulares están feitas dunha soa peza. A parte superior ten un oco rectangular (35 x 30 cm) cunhas táboas dispostas en forma de funil nas que se axusta o testo, con asa de madeira, peza en forma de sección de arco, feita das liobas resultantes de seccionar o tonel. No interior leva catro aspas de madeira engarzadas nun eixe de ferro axustado nuns pivotes localizados nos centros xeométricos da circunferencia das tempas; na súa parte dianteira dispón dunha manivela de ferro con mango de madeira xiratorio que imprime movemento ao eixe e aspas internas.
Utilización: Recipiente que se emprega para mazar o leite e facer a manteiga.

Manteigueira
Recipiente de madeira con forma de caixa troncopiramidal con catro lados. A boca tápase axustándolle cun resalte unha prancha da mesma madeira có fondo furado para dar paso ao «pao», peza cilíndrica, longa e estreita, que leva no cabo inferior unha rodela tamén de madeira para mazar o leite.
Utilización: Emprégase para mazar o leite despois de quentalo e así facer a manteiga.

Rodela
Instrumento composto por un pau cilíndrico (50 cm de lonxitude) que leva na punta inferior unha rodela tamén de madeira. Conserva a taza de madeira co fondo furado que servía para tapar a boca da ola na que se introducía o pau.
Utilización: Empregábase para mazar o leite e facer a manteiga.

Barreñón
Recipiente grande e amplo de formas cóncavas semellante a unha cunca de gran formato cun groso bordo ou zanefa polo exterior que reforza o seu bordo superior.
Utilización: Emprégase para preparar a zorza dos chourizos; tamén se usaban na época da matanza para recoller e bater o sangue ademais de «bullar» ou mondar as patacas. En tempos máis remotos utilizábase para se lavar neles a xente da casa.

Barreñón
Vasilla ampla e profunda de forma troncocónica cun groso bordo con «picados» e un «vinco» ou reforzo da parte máis saínte (cordón de barro con decoración por medio de impresións unlladas) ao longo do perímetro.
Utilización: Emprégase para preparar a zorza dos chourizos; tamén se usaba na época da matanza para recoller e bater o sangue. Así mesmo, pódese empregar para «bullar» ou mondar as patacas. En tempos máis remotos e lonxanos utilizábanse para lavarse neles a xente da casa.

Coitelo
Instrumento cortante con folla de aceiro, provisto de mango cilíndrico de madeira. A folla é estreita (3 cm na parte máis ancha) e longa (26 cm), aguzada e con dous gumes na punta.
Utilización: Emprégase para degolar os porcos cravándoo na gorxa do animal, función que cumpre esta forma especial de coitelo.

Chambaril
Pau forte, curto e lixeiramente curvado en forma fusiforme; os dous extremos do pau rematan en punta e forma de anzol para evitar o desprendemento da carga pendurada nel.
Utilización: Emprégase na matanza do porco para atravesar as patas traseiras dos porcos meténdoo por baixo dos tendóns, colgalos e abrilos despois do acto mesmo da matanza.

Máquina de encher chourizos
Mesa de madeira de catro pés que leva instalado un funil grande de folla de lata con catro seccións ben delimitadas: boca ancha circular, cilindro longo con remate en forma de cono e cano fixado nun oco circular axeitado á forma del e axustado na superficie cunha caravilla de ferro. Lonxitudinalmente leva instalada nun eixe e nun extremo unha panca de madeira e un cilindro «taruco» do mesmo material engarzado perpendicularmente na panca, tendo o mesmo diámetro e sección có funil para presionar a zorza introducida no embude e baixala á tripa introducida no cano do funil.
Utilización: Ten dous usos fundamentais: para encher os chourizos e como accesorio para picar a carne adaptándolle unhas coitelas á base do funil.

Máquina de picar carne
Enxeño que consta dunha ampla boca elipsoidal a xeito de funil que forma parte dun cilindro disposto horizontalmente e elevado por medio de catro soportes con senllos buracos para suxeitar a unha superficie evitando o desprazamento durante a manipulación. Esta peza horizontal leva no interior un eixe helicoidal de porcelana suxeito nun extremo cunha manivela de ferro aceirado prolongada nun mango xiratorio de madeira, disposto perpendicularmente ao brazo da manivela; no outro extremo do cilindro, o eixe dispón de catro coitelas axustadas no interior do cilindro á peza xiratoria, cubertas por diante cunha roda de aceiro do mesmo diámetro có cilindro e con diversas perforacións circulares que permiten a saída da carne picada pola acción das coitelas; este conxunto de pezas axústanse cunha gran rosca no extremo do cilindro. Cando se pretende, amais de picar carne, facer chourizos, a este mecanismo engádeselle un funil de folla de lata, concentrando deste xeito a saída da carne (zorza) e embuchando toda esta mestura nunha tripa disposta no cano do funil.
Utilización: Ten dous usos, fundamentais na época da matanza do porco: picar carne para facer zorza, e outros produtos alimenticios a base de carne, e encher chourizos.

 

PREPARACIÓN DA TERRA | O CULTIVO DOS CEREAIS | A HERBA | O TOXO | A VIDEIRA | A CARREXA E O TRANSPORTE | OUTROS TRABALLOS

 

 A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OUTROS OBXECTOS

 

Noticias

Novidades da Trabe